A nova lei de tráfico quitará seis puntos por adiantar mal a ciclistas

José Manuel Pan
José Manuel Pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

La nueva ley pretende dar mayor protección a los ciclistas en el momento de ser adelantados.
A nova lei pretende dar maior protección aos ciclistas no momento de ser adiantados. Martina Miser

A norma establece tamén a taxa cero de alcol para os condutores menores de idade

25 novs 2021 . Actualizado ás 15:58 h.

«Esta lei busca catro obxectivos moi importantes. O primeiro, revisar as infraccións que detraen puntos; o segundo, recoñecer os cursos de condución segura e eficiente; o terceiro, tratar de xeito actualizado aos condutores profesionais; e o cuarto, unificar en dous anos o prazo para recuperar o saldo de puntos tras unha sanción en firme». Esa é parte da exposición do senador socialista Raúl Díaz durante a defensa da reforma da lei de tráfico á que o Senado deu luz verde a pasada semana. A reforma sae da Cámara Alta con retoques importantes e agora será devolta ao Congreso dos Deputados, onde previsiblemente será aprobada de forma definitiva e porase fin ao trámite parlamentario desta lei. Estes son os principais cambios que incorpora o documento que sae do Senado.

sen excepcións de velocidade

Adeus á marxe de 20 quilómetros por hora. O Senado aprobou a supresión do artigo existente desde os anos setenta que permitía que os turismos e motocicletas superasen en 20 quilómetros por hora o límite xenérico de velocidade dunha estrada só no momento do adiantamento. Foi o punto máis polémico do debate sobre a reforma da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria. A eliminación desa marxe, proposta polo Goberno, non contou coa maioría suficiente no Congreso. Iso fixo que o proxecto de lei chegase ao Senado mantendo esa excepción. O senador socialista Raúl Díaz defendeu a súa supresión para «reducir os riscos ao mínimo».

protexer aos ciclistas

Perda de seis puntos por pólos en perigo. Neste aspecto houbo máis consenso. O Senado elevou de catro a seis os puntos que se perderán por adiantar a ciclistas sen gardar metro e medio de separación ou póndoos en perigo.

guindar cabichas

Pasa de catro a seis puntos. A lei sae do Senado co aumento doutra sanción do catálogo de infraccións polas que se perden puntos. Trátase da que castiga o feito de guindar á vía ou nas súas inmediacións obxectos que poidan provocar incendios ou accidentes, que pasa de catro a seis puntos.

antiarranque por alcol

Nos autobuses. A lei saíu do Congreso coa obrigación de que condutores de camións e autobuses usasen alcoholímetros antiarranque. O Senado reduce esa obrigación ao transporte de viaxeiros. Segundo o previsto, os autobuses deberán ter ese dispositivo en xullo do 2022.

loita contra o alcol

Taxa cero en condutores menores. O Senado tamén aprobou unha emenda que determina que «en ningún caso» un condutor menor de idade poderá circular cunha taxa de alcol superior a cero. E que vehículos poden conducir os menores? Pois, bicicletas, patinetes eléctricos, ciclomotores e determinadas motos. E se a implantación do carné B1 prospera, tamén poderán conducir coches eléctricos de baixa potencia.

Máis castigo por enviar wasaps mentres se conduce e por non usar o cinto

Os datos da Dirección Xeral de Tráfico sitúan as distraccións entre as primeiras causas de accidente. E niso tivo moito que ver o uso xeneralizado do WhatsApp. Por iso, no Congreso apenas houbo discusión para endurecer o castigo por esa infracción. A nova lei sanciona coa retirada de seis puntos a utilización, «suxeitándoos coa man», de dispositivos de telefonía móbil mentres se conduce. Considérase que ese é o xesto típico para enviar unha mensaxe. Mantense a perda de 3 puntos polo uso do móbil noutras condicións, por exemplo, sen sistema de mans libres. Tamén eleva de tres a catro puntos conducir sen usar o cinto de seguridade ou por non facelo de forma adecuada.

Recuperación de puntos

Dous anos sen sancións. Do Congreso tamén saíu a unificación en dous anos do prazo para recuperar o saldo de puntos sen sufrir novas sancións. Agora hai que agardar tres anos nos casos nos que a infracción cometida é moi grave.

Beirarrúas só para peóns

Prohibidas a bicis e patinetes. Aínda que a DXT xa o prohibiu expresamente, os senadores acordaron que conviría que esa norma tivese rango de lei. Por iso inclúese na reforma que, salvo as excepcións que se determinen, «vehículos de mobilidade persoal, bicicletas e ciclos non poderán circular polas beirarrúas».