Luis Gregorio Ramos Misioné, medallista olímpico: «Remar sempre será a miña paixón»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

GALICIA

Luis Gregorio Ramos Misione, junto al río Miño, en Lugo
Luis Gregorio Ramos Misione, xunto ao río Miño, en Lugo Óscar Cela

Logrou títulos internacionais cando o deporte español estaba a anos luz do doutros países, segue meténdose nunha piragua e alégrase de que outros prolonguen o seu ronsel de éxitos

22 oct 2021 . Actualizado ás 14:37 h.

Cando, hai décadas, cada olimpíada supuña para España unha pobre colleita de medallas, deportes como o piragüismo daban algúns dos poucos froitos que xeraban alegrías. Na aparición deses brotes verdes tivo moito que ver Luis Gregorio Ramos Misioné (Lugo, 1953), que subiu ao podio para recoller unha medalla de prata (Montreal, 1976) e outra de bronce (Moscova, 1980).

Retirado pero sen ter perdido o contacto co deporte que o fixo famoso, séntese exemplo da aposta polo piragüismo que desde os anos trinta do século pasado ha ir promovendo o Club Fluvial de Lugo. Antes que Misioné, dous membros da entidade (Anxo Villar, coñecido como Chilares, e Pedro Cuesta ) foron membros do equipo nacional que acudiu ás olimpíadas de México (1968). «Había un nivel moi alto», di ao lembrar o ambiente que atopou cando empezou a practicar ese deporte.

Meteuse no Miño para remar, pero tamén nun mundo novo, «moi especial». Navegar, avanzar ao ritmo que un se marque e gozar da natureza son sensacións que aquel adolescente coñeceu nos anos sesenta e que non o abandonaron. «Unha piragua é unha marabilla», di. Un título de campión de España logrado en 1969 fíxolle ver que chegara á elite. O seu amplo palmarés inclúe, ademais das medallas olímpicas, un campionato do mundo (1975). Os seus éxitos chegaron en K1, K2 e K4. Pero el recalca que o piragüismo é un deporte de equipo, como tamén o é, di, a natación.

Misione, a la izquierda, en una de sus pruebas
Misione, á esquerda, nunha das súas probas

O Misioné que deixou a alta competición non se afastou deste deporte ao retirarse. Seguiu vinculado co Club Fluvial, e a súa relación coas barcas descríbese perfectamente cunha recente experiencia súa: participou nun descenso do Sela, en Asturias, para veteranos. A ilusión permanece intacta: «Remar é a miña paixón e vaino a seguir sendo», di.

Tampouco diminuíu a súa paixón polo Club Fluvial, do que destaca que polo seu arraigamento e pola súa penetración social cumpre unha gran función na cidade, capaz de pórse ao mesmo nivel que o Club Deportivo Lugo ou que o Breogán. Que este ano teñan empezado a practicar a súa disciplina uns 80 mozos é para el unha satisfacción. Como tamén o é ver que os seus éxitos dos setenta e dos oitenta hanse convertido en algo habitual. Máis que sorpresa, explica, é unha confirmación: «España é unha gran potencia». Hoxe xubilado, di estar convencido de que potenciar o deporte ten mesmo repercusións económicas, pois comprar unha piragua, unha camiseta ou unhas zapatillas equivale a mover diñeiro. El, en cambio, sempre esquivou un movemento: como piragüista e funcionario público que foi, sempre tivo en Lugo a súa residencia.

Fun

Membro da selección nacional de piragüismo, medallista olímpico e campión do mundo.

 Son

Fun funcionario, agora xubilado. Vivo en Lugo.