As queimas agrícolas e forestais volverán estar permitidas desde este venres

La Voz

GALICIA

maria hermida

Os permisos e comunicacións poderán empezar a tramitarse esta mesma medianoite na web, a partir das 00.00 deste mércores

19 oct 2021 . Actualizado ás 11:03 h.

A partir deste venres 22 de outubro poderán volver realizarse en Galicia queimas de restos agrícolas e forestais amontoados. Así o comunicou a Consellería do Medio Rural, que explica que os permisos para facer estes labores poderán empezar a tramitarse desde este mércores día 19.

As comunicacións e solicitudes de autorización para realizar queimas poderán tramitarse a través da web de Medio Rural (https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/defensa-monte/permisos-queimas) a partir desta próxima medianoite. Tamén poderá utilizarse, en días laborables, o teléfono 012 para comunicar a intención de facer este tipo de traballos, cando non precisen de autorización previa.

Quen queiran queimar restos agrícolas terán que comunicalo con dous días de antelación, mentres que para queimar restos forestais acumulados haberá que solicitar unha autorización, por considerarse unha actuación de maior risco.

O departamento que lidera José González explica que se volven autorizar as queimas porque «as condicións meteorolóxicas así o permiten». Iso si, Medio Rural lembra que tantas autorizacións como comunicacións «deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas».