O Parlamento ratifica o teito de gasto de 11.571 millóns só cos votos do PP

GALICIA

Paco Rodríguez

Os ingresos extraordinarios baixan dos 1.800 aos 895 millóns, aínda que a Xunta agarda acadar nun ano o nivel de riqueza precovid

03 ago 2021 . Actualizado ás 23:38 h.

O último exercicio anterior á declaración da pandemia, o do 2019, a economía galega crecía un 1,8 % e a taxa de paro situábase no 11,7 %, xusto un punto menos do 12,7 % que se agarda lograr ao peche deste 2021. O Goberno galego estima que a comunidade tardará ao redor dun ano en recuperar o nivel de riqueza e actividade que tiña na etapa precovid e para iso será fundamental a engrenaxe dos orzamentos autonómicos que están en fase de elaboración, e que para o ano 2022 mobilizarán un máximo de 11.571 millóns de euros.

O pleno do Parlamento galego aprobou este martes o teito de gasto proposto pola Xunta e fíxoo só co apoio dos votos do PP, pois os grupos da oposición, BNG e PSdeG, denunciaron a falta de ambición dunha previsión de gasto que, ao seu xuízo, non contribuirá a acelerar o crecemento nin a resolver problemas como a saturación que lastra a atención primaria.

Non o ve así o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que defendeu na tribuna do Hórreo que o contexto no que se aproba o actual teito de gasto «é moito máis positivo que o do ano pasado», coa previsión de lograr unha elevada taxa de crecemento do PIB tras a caída abrupta do 2020. Así, Facenda estima que a economía galega crecerá este ano un 5,5 % e un 6 % no 2022, situando a taxa de desemprego no 12,7 % ao termo deste exercicio e no 12,1 % a finais do próximo.

Tamén subliñou Valeriano Martínez que a cifra do teito de gasto, que de espremerse na súa totalidade engadiría uns 8 millóns de euros aos Presupostos da Xunta en relación a este ano, está baseada en «previsións realistas» e na inxección de 895 millóns de euros de recursos extraordinarios, cifra moi menor á dos 1.800 millóns de ingresos adicionais incluídos nas contas deste ano, procedentes de achegas extra do Estado (685 millóns), da UE (430 millóns) e da posibilidade de incorrer nun déficit público do 1,1 % do PIB (685 millóns máis), que no 2022 baixará ao 0,6 %, case a metade. Aínda así, o responsable de Facenda cre que a orientación cara a «os investimentos produtivos» que terán os próximos orzamentos, permitirá acadar a mediados do 2022 os niveis de riqueza da etapa precovid, «dous trimestres antes de que o faga a media España», esgrimiu.

 A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrouse especialmente crítica coa previsión de gasto, e acusou o presidente Alberto Núñez Feijoo de actuar en dirección contraria como un «kamikaze», anticipando recortes «cando toca elixir orzamentos expansivos». A contención do teito de gasto, en opinión da líder do Bloque, «non vai permitir reforzar servizos públicos como a sanidade» nin cambiar o modelo asistencial das residencias de maiores.

Similares teses expuxo Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, que emprazou á Xunta a abandonar a política «de gardar dos cartos no colchón» e apostar por investimentos públicos expansivos para acompañar a recuperación económica e a creación de emprego e benestar social.