O adeus de Pablo Iglesias remove as mareas

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Yolanda Díaz saludando a Pablo Iglesias, con Antón Gómez Reino al fondo, durante un mitin en la campaña gallega de julio del 2020
Yolanda Díaz saudando a Pablo Iglesias , con Antón Gómez Reino ao fondo, durante un mitin na campaña galega de xullo do 2020 M.Moralejo

Podemos e EU inician a renovación interna con ánimo de reconstruír o espazo común

09 may 2021 . Actualizado ás 19:02 h.

Con permiso de Beiras, foi durante anos a persoa máis influente da nova política galega, a táboa de salvación do rupturismo, o enfant terrible que cun chío obrigou a crear unha coalición entre Podemos, Esquerda Unida e Anova para acudir xuntos ás autonómicas do 2016, convertendo así a En Marea na segunda forza do Parlamento galego. Despois viñeron as cuitas internas, a moqueta, a ansiedade... E agora, o adeus. A saída intempestiva de Pablo Iglesias da vida política apaga tamén a lanterna do faro que iluminaba o espazo común das mareas galegas, abocadas agora a un proceso de reestruturación que empezará co cambio de liderado no seo de Podemos .

 En realidade foron as eleccións galegas, celebradas hai 10 meses, as que feriron de gravidade a coalición rupturista Galicia en Común, integrada por Podemos, EU, Anova e varias mareas municipais, ao perder a súa presenza no Parlamento. Tras aquel revés, boa parte dos seus activos regresaron aos cuarteis de inverno ou ao seu labor profesional (o que a tiña). A presenza no Goberno dunha dos seus referentes, a agora vicepresidenta Yolanda Díaz, provocou que algúns se mantivesen á expectativa para intentar reconstruír o espazo político, proceso que se acelera coa dimisión de Pablo Iglesias .

As mareas manteñen representación en cidades como A Coruña, Santiago, Vigo ou Ferrol, nalgúns casos moi testemuñal, e teñen tamén alcaldías afíns como as de Sada , Cangas ou A Pobra do Caramiñal. E a pesar de contar cunha presenza moito máis mermada da que tiveron no período 2015-2019, os principais activos deste espazo político están decididos a reconstruír o castelo de naipes.

De izquierda a derecha, y de arriba a abajo, Daniel Liceras, de Máis País; Ángela Rodríguez, de Podemos; Antón Sánchez, de Anova; y Eva Solla, de Esquerda Unida
De esquerda a dereita, e de arriba a abaixo, Daniel Liceras, de Máis País; Ángela Rodríguez, de Podemos; Antón Sánchez, de Anova; e Eva Solla, de Esquerda Unida

Podemos moverá a primeira ficha coa celebración de Vistalegre IV en xuño, onde Ione Belarra está chamada a converterse na nova líder da formación morada, mentres que Yolanda Díaz asumiría o rol de candidata electoral do espazo común, cumprindo así os designios de Iglesias de avanzar cara a un liderado coral con protagonismo das mulleres.

Fuentes consultadas na formación dan por feito que o proceso de renovación trasladarase tamén aos liderados autonómicos. En Galicia, Antón Gómez-Reino cumpre este 2021 tres anos na secretaría xeral, e non falta quen barrunte tamén unha sucesión feminina, na que empeza a soar o nome da pontevedresa Ángela Rodríguez, Pam, agora asesora política da ministra de Igualdade, Irene Montero, e asentada en Madrid, onde tamén pasa a maioría do tempo Gómez-Reino. Ambos estaban no grupo de dirixentes que acompañaron a Iglesias no seu adeus

 Tamén Esquerda Unida empezou a mover ficha. A súa coordinadora nacional, que pilota EvaSolla , aprobou os documentos para a asemblea de xuño co obxectivo de «rearmar a organización de cara ao futuro».

Unha vez que Beiras se retirou e Martiño Noriega recuperou a súa dedicación á sanidade, Anova esfórzase en manter a persiana aberta participando en movementos ambientalistas, un filón que tamén se propón explorar Máis País, rebautizado aquí como Máis Galicia, que tras o éxito obtido polo partido de Errejón en Madrid está decidido a emerxer como ente propio nestas lareiras cunha asemblea constituínte pendente aínda de data.