Gonzalo Caballero reclama orientar os fondos europeos do covid cara a proxectos que xeren emprego

GALICIA

Xoán A. Soler

O  PSdeG reafirma o seu discurso europeísta coa celebración dunha xornada de debate na que eloxia a resposta da UE á crise provocada pola pandemia

08 may 2021 . Actualizado ás 17:12 h.

Os socialistas galegos anticiparon a este sábado a celebración do Día de Europa, que cada 9 de maio evoca a Declaración de Robert Schuman de 1950, coa que se plantou a semente da integración europea. Fixérono coa organización dunha xornada de debate, baixo o título Resposta europeísta fronte a crise, na que participaron varios representantes do partido e na que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou a orientar os fondos habilitados pola Unión Europea tras a crise do covid cara a proxectos que aposten polo emprego. «Non podemos avanzar cara unha revolución verde e dixital se non se vai da man da xeración de emprego», sostivo Caballero.

Na xornada de debate participaron, entre outros, o eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, así como o expresidente da Eurocámara Enrique Barón Crespo ou a expresidenta do Parlamento galego Dolores Villarino. O acto, que reuniu a unha trintena de persoas en Santiago, foi aberto cunha intervención de Gonzalo Caballero de marcado acento europeísta. Non só defendeu que o proxecto europeo, que combina democracia, con economía de mercado e estado de benestar, «representa o mellor modelo de gobernanza» que na súa opinión existe, senón que entende que Galicia debe afianzar o seu papel en Europa, «porque os problemas dos galegos atopan en Europa parte da resposta».

Neste sentido, eloxiou a resposta dada desde a Unión á crise do coronavirus, impulsando unha estratexia de vacinación fundamentada «na cogobernanza e la solidariedade», pero sen perder de vista a necesaria reactivación da economía. «Crecimos con Europa e creceremos con Europa», engadiu o dirixente socialista, que entende que o papel da UE e os fondos Next Generation vai ser fundamental para transformar e modernizar a estrutura produtiva de Galicia.

Por ese motivo, Caballero tendeu a man ao Goberno da Xunta para «compartir» un modelo de reactivación económica que aposte pola xeración de emprego, sobre todo despois dos datos negativos que mostra a última EPA, que dá conta de que en Galicia se reduce a poboación activa á vez que aumenta o número de parados. «Non queremos perder a oportunidade dos fondos europeos», dixo, aínda que cre que a Xunta está carente de «orientación» neste sentido, polo que insistiu en ofrecer colaboración para apostar por proxectos de reactivación ben definidos e que contribúan á creación de emprego.