Os positivos en centros educativos de Galicia mantéñense en 631 e as aulas pechadas soben a 39

La Voz

GALICIA

Imagen de archivo de un instituto el primer día de clase de este curso
Imaxe de arquivo dun instituto o primeiro día de clase deste curso CAPOTILLO

Hai catro centros con dez ou máis infectados. A área sanitaria de Ferrol baixa a só nove casos e a de Vigo sobe ata rozar os 200

07 may 2021 . Actualizado ás 16:26 h.

Os centros educativos galegos volven rexistrar 631 casos activos de coronavirus entre o seu persoal e alumnado, manténdose na mesma cifra que 24 horas antes.

Segundo o último informe do Sergas, remitido este venres e referido á xornada escolar do xoves, as que si subiron son as aulas pechadas. Ascenden a 39, cinco máis que o día anterior. O IES San Paio de Tui é o centro galego con máis clases clausuradas, un total de catro.

Hai un centro pechado ao completo, a EI Unitaria Cerdedo, en Cerdedo-Cotobade, por un contaxio confirmado.

Hai tres colexios e un instituto que acadan ou superan a decena de casos. Trátase do CEIP Isidro Parga Pondal, de Oleiros, onde hai 16 infectados e pecháronse tres aulas; o CEIP de San Roque, en Vilanova de Arousa, con 16 positivos, pero todas as clases abertas; o CPR Bouza Brey, de Vigo, con once contagios e ningunha aula clausurada; e o IES Isidro Parga Pondal, de Carballo, con dez casos e todas as aulas funcionando.

A área sanitaria de Vigo, ao bordo dos 200 positivos

A área sanitaria de Vigo mantense como a de máis casos de Galicia, cun total de 199 (dous máis que a xornada anterior) e 16 clases pechadas (unha máis). O centro con máis casos é o CPR Bouza Brey, de Vigo, con once. Ademais, nesta área está a escola infantil con máis positivos da comunidade, a EI Santa Isabel, tamén viguesa, onde se rexistran nove contagios e clausuráronse dúas liñas.

Na área da Coruña, os positivos soben a 178 (seis máis) e as clases pechadas mantéñense en nove (mesma cifra). O colexio con maior número de contagios é o CEIP Isidro Parga Pondal, de Oleiros, con 16.

A área de Pontevedra baixa 103 infectados (seis menos), mentres as aulas clausuradas soben a catro (unha máis), e está pechada ao completo unha escola infantil de Cerdedo-Cotobade. O CEIP de San Roque, en Vilanova, é o que suma máis casos, un total de 16.

A área de Santiago contabiliza 78 casos (os mesmos que 24 horas antes) e oito aulas pechadas (tres máis). O centro con máis positivos é o IES N.º 1 de Ribeira, con cinco contagios.

Sen cambios tampouco na área sanitaria de Ourense , que repite 35 positivos e unha aula pechada (en ambos os casos, as mesmas cifras que o día anterior). Hai dous centros con tres persoas infectadas cada un: o CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, de Ourense, e o IES O Ribeiro, de Ribadavia, ambos con todas as clases abertas.

Tamén a área de Lugo repite cifras: 29 casos activos e ningunha aula pechada. O CPR San José, de Lugo, con seis infeccións, segue sendo o centro con maior número de positivos.

A área sanitaria de Ferrol segue mellorando. Hai nove persoas infectadas (dous menos) e unha clase clausurada (mesma cifra que a xornada previa). Os casos repártense en sete centros, todos cun único positivo excepto o CPR San José, de Pontedeume, que rexistra tres.