Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría Informática: «A intelixencia artificial pide estudantes innovadores, intrépidos e imaxinativos»

Mónica Pérez Vilar
mónica p. vilar REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Fernando Suárez, presidente del CPEIG
Fernando Suárez, presidente do CPEIG MIGUEL VILLAR

O grao e o máster que neste eido ofertarán as tres universidades galegas terán múltiples saídas profesionais

06 may 2021 . Actualizado ás 10:05 h.

A noticia de que a partir do curso 2022/23 haberá 210 persoas formándose en intelixencia artificial a través do grao e o máster que ofrecerán conxuntamente as tres universidades galegas ten de noraboa ao sector da enxeñaría informática, que celebra a oportunidade que supón para reforzar a posición de Galicia no mercado das novas tecnoloxías.

-Por que é tan importante dar luz verde a estas titulacións?

-É importante porque adapta o catálogo formativo universitario á realidade da sociedade e á realidade da tecnoloxía. A intelixencia artificial (IA) é un dos campos que máis está a crecer e que máis talento demanda, e estas titulacións van capacitar a ao alumnado para que a nivel galego sexamos competitivos neste ámbito.

-Máis que unha aposta de futuro, é unha aposta de presente...

-É moi de presente, porque a IA xa forma parte do noso día a día. Vémolo, por exemplo, cos altofalantes intelixentes, como o Alexa, asistentes de voz tipo Siri... E os datos reflicten que o 7 % das empresas en España están empezando a usar IA nos seus procesos, unha cifra que vai a máis. Os graos empezarán a emanar titulados nuns cinco anos, e serán moi necesarios. Neste sentido, hai que agradecer tamén esa aposta polo máster, porque xa temos titulados en distintos ámbitos do sector TIC, e este estudo de posgrao vai permitir a súa especialización na área da IA.

-Que saídas profesionais teñen estes estudos?

-- Moitas, e moitas máis das podemos pensar. A IA está en todo tipo de sectores. Terá moito que dicir na automoción no que toca ao vehículo autónomo; ten moitas aplicacións na mediciña, onde xa se emprega en temas de cribados de cancro, por exemplo; na educación; nas administracións e na xestión do eido público; no sector industrial a todos os niveis... Hai moitísimos campos nos que a IA ten cabida, polo que é importantísimo que en Galicia sexamos competitivos neste novo mercado. E non me cabe dúbida de que todos estes estudantes van ter un futuro moi prometedor. En xeral a enxeñaría informática ten paro negativo, é dicir, non somos capaces de proveer ao mercado de tantos profesionais como pide, pero ademáis, a IA vai ser un dos campos que máis demanda vai ter.

-Que perfil de estudante requirirán estas titulacións?

-Deberá ser xente que teña vocación por estar en plena innovación continua, que é o que vai demandar a IA, con vocación por probar todo, por ser imaxinativo, romper moldes e pensar fóra da caixa. Xente intrépida, inquieta e que queira deseñar a sociedade do futuro. E logo, que sexan conscientes de que o sector tecnolóxico require unha formación continua, porque os cambios se producen a unha velocidade de vertixe e crecente. O que nos van dar estas titulacións é unha base, unhas competencias que van ser fundamentais, pero temos que ter vocación por aprender, por emprender e por ver as novas oportunidades que ofrece a tecnoloxía.

-En que aspectos da IA conviría que se especializará Galicia?

-Cómpre especializarse da man do propio sector produtivo galego. Antes mencionaba a automoción, na que Galicia é punteira, aí habería unha área moi importante; o tema da sanidade, no que Galicia tamén ten amosado proxectos innovadores que anticipaban o que podería ser o modelo de xestión sanitaria e dos hospitais do futuro, aí tamén hai vías de actuación; a propia Administración pública, que no caso galego moitas veces ten iniciativas pioneiras no que toca aos servizos públicos; as cidades intelixentes, das que temos exemplos como Santiago ou como A Coruña... Creo que hai moitísimas ramas, polo tanto, é importante que sexamos capaces dende o grao de IA de formar de xeito xeneralista, e logo, dende o máster, ter capacidade de adaptación áxil á demanda de profesionais que amosen as empresas conforme vaian evolucionando.

 

-As novas titulacións suporán un pulo para a consolidación de empresas de IA en Galicia?

-É das cousas que reclamabamos: a proximidade entre universidade e empresa. É fundamental, porque ámbalas dúas se retroalimentan. A universidade nutre ás empresas, pero as compañías deben implicarse tamén na formación dos titulados, na adecuación do currículo educativo para que acompañe a demanda das propias empresas. Por iso este é un paso importantísimo, que mostra unidade de acción das tres universidades, a administración e o tecido empresarial, e que xunto con outros vai permitir que Galicia teña ese impulso que necesita no sector da tecnoloxía, no que xa temos moitas empresas vangardistas, punteiras, para as que teremos ocasión de atraer talento, no só doutros lugares de España, senón do resto do mundo.

-Dicía que a enxeñaría informática galega non dá abasto para atender toda a demanda laboral, que habería que facer para mellorar esta situación?

-Dende o colexio profesional, facendo a carta aos Reis Magos, pediriamos máis prazas nas distintas titulacións das universidades galegas, porque xa non é só un tema de mercado laboral, de que as empresa demanden máis profesionais, é que as solicitudes para acceder a estes estudos superan as prazas ofrecidas, polo tanto é claro que hai necesidade de incrementalas. E tamén nos gustaría contar con áreas de especialización. A IA é un caso claro, a ciberseguridade, outro. A computación cuántica, que está por vir, pero na que Galicia xa deu os primeiros pasos, será outro. Temos que ser capaces de xestionar a capacidade das universidades para xerar estes perfís profesionais no ámbito da enxeñaría informática.

É importantísimo que en Galicia sexamos conscientes todos, as universidades, os profesionais, pero tamén a sociedade en xeral, das capacidades que temos en materia de tecnoloxía e informática, e que deamos un paso máis para non ser só consumidores, senón que sexamos capaces de producir o que é o futuro da sociedade.