Pontón leva unha batería de medidas ao Parlamento para impedir «o saqueo» do pazo de Meirás

GALICIA

Ana Pontón
Ana Pontón Sandra Alonso

A líder do BNG expón á Xunta que adopte medidas cautelares, se fose necesario,  para preservar os bens de interese cultural do inmoble, como as estatuas do Pórtico da Gloria

29 abr 2021 . Actualizado ás 14:34 h.

O máis urxente é impedir que se poida «saquear» o pazo de Meirás. Baixo esta premisa, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este xoves no Parlamento unha batería de medidas dirixidas precisamente a preservar os bens de interese cultural que contén o inmoble, como os fondos da biblioteca Emilia Pardo Bazán ou as estatuas do Mestre Mateo, pero tamén moitos outros que formaban parte das coleccións do patrimonio nacional que foron destinados ao pazo. A Xustiza deu aos Franco un mes para mover eses bens.

«É un despropósito en termos democráticos e xurídicos», sinalou Pontón en rolda de prensa, que unha resolución xudicial permita á familia Franco «baileirar» Meirás dos bens que contén. «O pazo está declarado Ben de Interés Cultural (BIC), pero non só as paredes, senón todo o contido», manifestou a dirixente nacionalista, que emprazou ao Goberno central e á Xunta a actuar «con urxencia» para impedir «un novo expolio» da propiedade ocupada por Franco durante os corenta anos de ditadura e da que gozaron os seus herdeiros durante outras catro décadas de democracia.

Sen perder de vista que o Goberno galego e o central poden actuar de inmediato para protexer os bens culturais —«mañá mesmo a Xunta pode facelo», dixo, cun anexo ao inventario de bens— esbozou as propostas que elevará ao Parlamento, con forma de proposición non de lei, entre as que figuran, precisamente, emprazar á Xunta e ao Goberno central a « defender» a declaración BIC mesmo con medidas cautelares para impedir que os bens sexan saqueados.

En paralelo, Pontón chama a abrir un novo procedemento para ampliar a declaración BIC do pazo de Meirás, co fin de que inclúa a todos os bens que se custodian no seu interior.