A falta de voos e as restricións deixan en mínimos as viaxes a Suíza

GALICIA

BÚA

Só hai unha ligazón semanal, e a corentena reducirá aínda máis os fluxos

29 ene 2021 . Actualizado ás 10:57 h.

O 2 de outubro do 2008 desaparecía a histórica ruta de autobús da empresa Galisuis que, desde principios dos anos setenta, tres veces por semana, ida e volta, enlazaba Cee con Zúric, con paradas en Vimianzo , Carballo e outros puntos de Galicia. Era un dos reflexos da profunda presenza migratoria (e relación permanente) de Galicia en xeral, e da Costa da Morte en particular, co país helvético. «Algunha vez, e non hai tantos anos, se cadra quince, temos xuntado ata 25 autobuses para facer o mesmo traxecto», sinala Benito Xesto, veterano condutor desta liña, xa xubilado. Impresiona pensalo: vinte e cinco autocares cargados de emigrantes galegos facendo preto de 30 horas (depende o destino) de estrada. Obviamente, era en días moi sinalados, de inicio ou fin de vacacións.

Isto xa é historia, e máis en época de covid, na que curiosamente Suíza está cada vez máis illada de Galicia. Non é doado, non como antes, viaxar agora a ese país. Certo que as viaxes se complicaron a todas partes polas restricións e a redución de medios, sobre todo os aéreos, pero nótase moito máis en lugares con esa intensa presenza de conexión diaria, de fluxos permanentes. E en comarcas con ese fío moi vivo, como a Costa da Morte, queda patente: acapara, coa contorna, máis da metade dos 20.000 coruñeses en Suíza (41.000 galegos en total nese país).

Os voos hanse reducido a un semanal, de ida e volta: o de Santiago a Basilea, os sábados. No verán debería regresar o de Edelweiss, de Zúric, e antes, en abril, o de Vueling . Xenebra está previsto, en principio, para febreiro. A caída de voos propiciou botar a vista, unha vez máis, aos taxis. Estes van e veñen, pero máis centrados en paquetes que en pasaxeiros, aínda que loxicamente poidan transportalos. Iso si, con máscara e as medidas necesarias, o que converte o traxecto en moi incómodo para algunhas durante tantas horas. «Agora que non hai avións vaia se se acordan de nós», explica con algo de retranca Suso Sánchez, de Muxía , que non para de viaxar entre Galicia e Liechtenstein. Notou, por certo, que cada vez regresan máis persoas, quizais polas actuais circunstancias. E porque os anos pasan, son xa 62 de emigración a Suíza desde a comunidade, e sempre hai cambios.

José Martínez Mosquera, de Abegondo , leva 46 anos facendo a ruta entre Galicia e o país alpino co seu taxi. É o decano, seguramente tamén de España. Agora non vai tanto como antes. «A ver que pasa, calquera día igual pechan as fronteiras», explicaba desde Pancorbo, nunha parada de regreso.

Os taxistas e transportistas non teñen restricións, e os particulares con motivos xustificados tamén poden usar o seu vehículo, pero atoparanse problemas loxísticos a maiores, como o toque de queda ás seis da tarde en Francia , onde todo se pecha. A maiores (e con chegada por calquera medio) haberá que unir, outra vez, a corentena de dez días que para España e outros moitos países e rexións será efectiva desde o 1 de febreiro, un motivo máis para evitar as viaxes. En Suíza as restricións son estritas (hai variacións por cantóns), con peches de hostalería e comercios. Sebas Rojo , de Carballo, ten con outros dous socios o seu bar de Lausana pechado desde hai un mes. Ata finais de febreiro, en principio, non poderá reabrir. Por contra, o seu negocio de transporte (Suisse Trans) si vai a máis, con moitos paquetes e mudanzas. Menos persoas, máis mercancías, esa é a dinámica nos tempos de covid.

Unha liña de bus activa, con base en Ourense, e por 100 euros ata Zúric

A liña de autobús entre a Costa da Morte e Suíza xa non existe, e a de Alsa desde Galicia, tampouco está activa nas actuais circunstancias. Nin sequera a conexión de Barcelona con Xenebra (como confirmaron desde a empresa), que era unha opción a ter en conta. Pero si hai unha ruta de autobús que xestiona Socitransa (tamén a través de Iberocoach), que funciona os martes, xoves e sábados. A ligazón máis ao norte é desde Santiago, e se non hai moitos viaxeiros, esa conexión realízase nun servizo regular de Monbus .

Un traxecto entre Santiago e Xenebra sae por 105 euros (aínda que na web marca 15 máis), segundo explica un portavoz a través do teléfono de contacto. De momento, funciona con normalidade, e con moitos usuarios: no destino non esixen PCR, aínda que no traxecto si se cumpren as medidas de seguridade de distancias, máscara... Esas medidas mesmo afectan á compra do billete, que antes podía ser presencial, pero agora realízase por teléfono ou a través da web. As viaxes en bus tamén chegan ata Zúric, e hai conexións desde Portugal, un país con enorme presenza en Suíza. A parada de Xenebra está nunha praza case ao lado de lago, xunto á histórica sede da antiga Caixa Galicia.

Hai que ter en conta tamén a FlixBus (asociados con Socitransa e Iberocoach), que permite desprazarse de Galicia a Suíza (e a moitos outros destinos) a prezos moi competitivos e, como destacan desde a empresa, con todas as medidas de seguridade derivadas do coronavirus.

A opción do tren é moi complicada. Historicamente foi moi importante, sobre todo coas chegadas ata Cornavin, en Xenebra, vía Irún. As fotos de emigrantes na zona da aduana son míticas. Agora mesmo hai opcións, pero sobre todo ata Madrid, e despois Barcelona, e de aí a Lyon ou Valence, e desde aí a Xenebra. Noutros tempos si había un Talgo directo a Xenebra e a Zúric. A situación cambiou moito.