Feijoo: «Se o PSOE quere, a gobernabilidade de Ourense pode resolverse esta tarde»

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO

GALICIA

Paco Rodríguez

O presidente da Xunta abordou con Baltar os retos da provincia e insistiu en resolver a crise da capital cunha coalición co PSOE

16 dic 2020 . Actualizado ás 16:23 h.

O presidente da Xunta e o presidente da Deputación de Ourense reuníronse en Santiago por espazo de dúas horas dentro do marco da rolda institucional de inicio da lexislatura autonómica. Tras o encontro, Alberto Núñez Feijoo e José Manuel Baltar fixeron un relatorio dos temas abordados, e na quenda de preguntas o xefe do Executivo asegurou que o contacto se circunscribiu aos proxectos que afectan a Xunta e ao ente provincial, deixando ao carón as cuestións relativas ao Concello de Ourense pola súa «complexa» situación política. Sobre este punto, Feijoo garantiu que a situación de inestabilidade poderíase resolver de inmediato, «esta tarde o mañá», pero sempre que o PSOE acepte a proposta dun goberno de coalición que some unha maioría para desaloxar ao alcalde Gonzalo Pérez Jácome. O que non fixo Feijoo foi entrar en posicións que está tomando o seu partido con autonomía a nivel local, como é condicionar que o interlocutor para ese acordo non sexa o actual portavoz socialista Rafael Rodríguez Villarino

Feijoo -Baltar asentía coa cabeza mentres falaba- insistiu en que esa coalición PP-PSOE na «única posibilidade» de darlle estabilidade ao goberno local, e considerouna «razoable» tendo en conta que os populares se apartaron de Jácome por estar involucrado en problemas «moi serios, pobrablemente algún deles con repercursión xudicial». Calquera outra fórmula, dixo, suporía consolidar as dificultades para gobernar e o «colapso». Sen citar ao PSOE, lembrou que a coalición podería «gobernar con maioría absoluta. Agora ben, se ese partido, que non ten maioría, non quere desbloquear a situación o único que podemos facer é tender a man para que sexa posible». 

Proxectos provinciais

Tras revisar a situación da pandemia na provincia de Ourense, o presidente autonómico destacou a boa disposición de Baltar para traballar con maior efectividade e evitando duplicidades, e destacou a responsabilidade que teñen ambas as institucións cos concellos máis pequenos. Feijoo resumiu algúns asuntos tratados como os proxectos de saneamento e abastecemento de auga neses municipios, que poderán recibir financiamento da Xunta para avanzar en infraestruturas. «A Deputación estará nese proxecto e formará parte da empresa pública que queremos crear para axudar aos concellos», avanzou. Tamén acordaron crear dous novos GES (grupos de urxencia) nos concellos de Maceda e A Veiga, completando o primeiro mapa provincial de Galicia. As infraestruturas deportivas tamén tiveron protagonismo: o parque acuático de Monterrei (orzado con 8 millóns) terá o seu propio convenio para o seu desenvolvemento en xaneiro; e haberá cofinanciación para a ampliación do campo de regatas do club náutico de Castrelo de Miño.

Ademais de lembrar as remodelacións hospitalarias pendentes en Ourense, Verín e O Barco, e a creación do centro integral de loita contra o lume de Toén, o presidente galego tamén aproveitou a comparecencia para dar malas noticias relativas ao AVE , que non circulará plenamente pola provincia ourensá no 2021. Sobre a conexión entre as cidades de Lugo e Ourense, a súa estimación é que poida funcionar no 2024. Como colofón positivo, debullou algunhas dos investimentos para a Ribeira Sacra e o turismo termal.

O presidente da Deputación encomiou durante a súa intervención o labor que está a realizar a Xunta ante a pandemia, e mostrouse crítico co Goberno de España por non ter achegado fondos aos municipios para a xestión da crise. Baltar destacou a «cooperación» coa Administración autonómica para proxectos crave, como o Centro Galego de Innovación e Formación Profesional, o parque acuático de Pereiro de Aguiar ou o centro de referencia de extinción de incendios en Toén.