«Viaxei por todo o mundo para buscar o que me apaixonaba na vida»

sara pérez / J. M. P. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

Samanta Cortés retornou a Galicia e emprendeu un negocio sobre maternidade

02 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O camiño cara á procura dun propósito e da razón de ser de cada un está cheo de decepcións e de inconformidades. Samanta Cortés sábeo de primeira man. Con 18 anos elixiu a carreira de Ciencias Políticas coa convicción medio vocacional que ten un ao saír do instituto para finalmente darse conta de que non era o seu camiño. Entón, seguiu na procura.

Entusiasmada por coñecer novas culturas, diferentes idiomas e por aprender de cada un dos países que visitaba, emprendeu a súa primeira viaxe coa certeza de ter atopado o seu «faro». Nun primeiro momento decidiu conectalo cos coñecementos que adquirira nos catro anos de políticas, e foise a Marrocos e a Guatemala cun programa de cooperación internacional. Pero, de novo, tampouco resultou. Cando deixou de buscar esa parte práctica e aventurouse a viaxar sen rumbo nin motivo aparente, deu coas raíces do que hoxe é o seu traballo: «Viaxei por todo o mundo para buscar o que a min me apaixonaba na vida. Abrín un blogue de viaxes coa visión de rendibilizalo que está moi conectado co que fago».

Arxentina, Bolivia, Uruguai, Cuba, Omán, Emiratos Árabes ou Tailandia. Son só algúns dos 40 destinos polos que viaxou e que axudaron a Samanta Cortés a recoñecer os seus diferenciais como persoa. Tamén nos que recolleu esas pequenas sementes que a levaron a emprende r.

Asentada en Irlanda cun contrato indefinido, Samanta tiña claro que quería ser nai e volver a casa, á Ribeira Sacra. «Con estas opcións pareceume que o emprendimiento online era o formato máis acertado para volver a Sober e ser nai sen ter que facer renuncias laborais nin de crianza», conta Cortés. Así que decidiu deixar o traballo en Irlanda e comezar a traballar como freelance. Centrou o seu negocio no emprendimiento e na maternidade: «Pareceume interesante conectalo coa miña experiencia do momento. Tamén detectei unha necesidade no sector da maternidade relacionado co emprendimiento dixital».

Coa tranquilidade que lle achegou a liña de axudas da Secretaría Xeral de Emigración ao retornado emprendedor, Samanta creou a empresa dixital que ten a día de hoxe co seu nome presenta: Samanta Cortés. Grazas a ela axuda desde Sober a outros emprendedores a conciliar a súa vida profesional e persoal. «A axuda ofreceume ese pequeno impulso que necesitaba nese momento». Tardou un tempo en recoñecer que o emprendimiento era un camiño posible pero, de sabelo, tería dado o paso moito antes, conta.

Liña de axudas ao retornado emprendedor

O programa de axudas ao retornado emprendedor da Secretaría Xeral de Emigración diríxese a todos os galegos do exterior que regresaron á comunidade para pór en marcha o seu propio negocio. Á iniciativa poderán acollerse aquelas persoas que retornasen a Galicia nos últimos dous anos e que emprendesen durante ese tempo. Cada beneficiado pode percibir ata 8.000 euros para iniciar o seu proxecto. O prazo de presentación das solicitudes está aberto e finalizará o próximo 30 de setembro.