Esquerda Unida reflexionará sobre a súa estratexia política tras un resultado «desastroso»

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO

GALICIA

CEDIDA

Admite que a «ferramenta colectiva» non foi suficiente e abre un proceso de análise que culminará cunha asemblea

18 jul 2020 . Actualizado ás 16:52 h.

Esquerda Unida, a federación galega de Izquierda Unida, que se presentou ás eleccións autonómicas integrada en Galicia en Común, xunto a Podemos, Anova e as mareas municipais, recoñeceu que o resultado do pasado domingo é «desastroso e pon de manifesto que a ferramenta construída desde o esforzo colectivo non resultou suficiente para converterse nunha alternativa política en Galicia». A formación dirixida pola xa ex-deputada Eva Solla reuniuse en Santiago para anunciar a apertura dun período de reflexión que deberá dar os seus froitos na XIII Asemblea Nacional, na que se decidirá a liña política para o futuro. Como avance, Esquerda Unida deslizou nun comunicado que «o camiño da unidade non muda e seguirá sendo un piar fundamental e irrenunciable da organización», da que destacan a súa «xenerosidade» nos últimos oito anos para contribuír aos proxectos colectivos de AGE, En Marea e Galicia en Común. Unha das cuestións que se expuxeron foi o adianto da Asemblea Nacional de EU, prevista para xullo de 2021, co obxectivo de que se celebre a finais deste ano ou a principios do próximo.

A xornada do domingo deixou a Esquerda Unida sen representación institucional, e o pau en Galicia coincidiu co debate público sobre a dimisión da formación -hai meses- da ministra Yolanda Díaz. En declaracións previas á reunión, o secretario de Organización Rubén Pérez incidiu en que EU respecta o «espazo» no que a ferrolá foi escollida como ministra, en referencia a Podemos.