Anova achaca os seus malos resultados ás «dinámicas internas amplificadas» e ao «avance da ultradereita»

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO

GALICIA

Xoán A. Soler

A formación impulsada por Beiras apraza a setembro a «refundación xunto con outros contixentes militantes»

18 jul 2020 . Actualizado ás 23:08 h.

Anova culpa dos seus resultados «moi negativos» do pasado domingo ao «avance do conservadurismo e da ultradereita» e ás «dinámicas internas amplificadas que remataron por lastrar a nosa credibilidade diante da xente». Integrada na coalición Galicia en Común, a formación impulsada por Xosé Manuel Beiras e coliderada orgánicamente por Antón Sánchez e Martiño Noriega, que se quedou sen representación no Parlamento de Galicia, celebrou unha reunión nun hotel de Teo tras a que anunciaron un «proceso de autocrítica e de reflexión á volta do verán» para reorganizarse.

No comunicado fálase mesmo de «refundación xunto con outros continxentes militantes» sen especificar se se insistirá na procura de sinerxías con forzas de ámbito estatal como Podemos e Esquerda Unida ou se haberá unha reorientación estratéxica cara ao nacionalismo, aínda que eluden calquera mención ao éxito electoral acadado polo BNG, a formación na que militaron boa parte dos membros que quedan en Anova. «Dunha ou doutra maneira estaremos presentes para impugnar o estado das cousas», advirten, «para rearmar a nosa alternativa e seguir construíndo para rematar coa hexemonía conservadora do PP en Galicia». Con todo, tamén recoñecen que ese traballo partirá dunha posición de ruptura «que semella máis lonxe» e ante o avance da «recomposición do Réxime do 78». O motivo para seguir activos, finalizan, é que «as condicións sociais e materiais están aí e empeorarán».