Daniel Castro: «Aínda non aterrei do que significa entrar no Parlamento de Galicia»

D. C. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

cc

O deputado electo polo BNG será, con 24 anos, o máis novo na Cámara galega que se constitúe o 7 de agosto

17 jul 2020 . Actualizado ás 11:52 h.

Daniel Castro García (Ribadeo, 1996) converterase, o próximo 7 de agosto, no deputado máis mozo con escano na Cámara galega. Faino baixo as siglas do BNG, formación a que accedeu desde Galiza Nova -forma parte da dirección nacional das xuventudes do Bloque- desde os 19 anos; agora ten 24. Ávido lector, amigo dos amigos, é un gran afeccionado ao fútbol, especialmente do Celta de Vigo, a diferenza doutros mozos da súa xeración a penas lle interesan as consolas e os videoxogos: «A tecnoloxía non é o meu forte».

-Que supón chegar ao Parlamento sendo o máis mozo?

-Aínda non aterrei do que supón e significa. Irei dándome conta a medida que pase o tempo. Non sinto nin medo nin vergoña, pero si un enorme sentido da responsabilidade.

-Meteuse en política moi novo.

-Con 15 ou 16 anos enfadábanme moito as cousas inxustas e pensaba que tiña que facer algo para que non fose así. Sempre fun de esquerdas e nacionalista e tiven claro que a formación que mellor representaba a miña maneira de pensar era o BNG.

-É o primeiro político da súa familia que se involucra na vida institucional?

-Non. Meu pai foi concelleiro polo BNG en Ribadeo en catro mandatos. A miña nai tamén é simpatizante de toda a vida. Danme parabéns, pero aconséllanme que non perda a cabeza e que remate os meus estudios (fáltalle o último ano de Filoloxía Galega), que desde logo será así.

-En qué áreas parlamentarias vese máis capaz?

-Nas que me ordenen, pero pola vena profesional, gústanme especialmente os temas que teñen que ver coa normalización lingüística, a cultura e a mocidade.