«Hai debate sobre o dereito a voto dos positivos»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

O candidato do PP, Alberto Núñez Feijoo, incidiu onte algo máis no conflito xurídico que existe co dereito a voto dos positivos en coronavirus

08 jul 2020 . Actualizado ás 08:04 h.

O candidato do PP, Alberto Núñez Feijoo, incidiu onte algo máis no conflito xurídico que existe co dereito a voto dos positivos en coronavirus. «Só se recomenda non ir a votar ás persoas que están con diagnóstico positivo», dixo. «No caso dos positivos, é o que podemos propoñer. Sei que hai unha discusión xurídica e doutrinal sobre se se pode afectar un dereito fundamental dunha persoa que simplemente está cunha PCR positiva, pero é asintomática ou ten sintomatoloxía leve».

A Xunta Electoral de Galicia considera que na Mariña neste momento danse as condicións para poder votar. Así llo explicaron ao representante de En Marea-Compromiso por Galicia-Partido Galeguista-Marea Galeguista, que denunciara a situación. A Xunta Electoral de Galicia entende que «mentres as actividades administrativas, económicas e sociais se desenvolvan con normalidade esta Xunta Electoral de Galicia non entende afectadas as condicións do proceso electoral, a salvo do que poida acordarse, se é o caso, polas autoridades sanitarias. O sistema normativo vixente asegura o papel das administracións electorais e, no seu caso, dos xulgados e tribunais do contencioso-administrativo e da xustiza constitucional na tutela do correcto desenvolvemento do proceso electoral».

Aínda así, a Xunta Electoral de Galicia explica que non lle corresponde pronunciarse sobre a suspensión das eleccións na Mariña: «A Xunta Electoral de Galicia, á vista dos escritos e alegacións presentadas, en relación coas consultas que lle foron remitidas sobre as condicións do exercicio dos dereitos de sufraxio activo dos cidadáns da Mariña Lucense, recorda que os procedementos previstos na Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral e na Lei de Eleccións ao Parlamento de Galicia son o marco xurídico que garante, a través do exercicio das competencias das Administracións Públicas, estatal, autonómica e local, a efectividade dos seus dereitos de participación política. Non corresponde a esta Xunta Electoral pronunciarse sobre a suspensión das eleccións na Mariña Lucense».

Contra esta decisión, Marea Galeguista e os partidos que suma á súa coalición poden presentar un recurso de alzada ante a Junta Electoral Central, que debería levar a cabo —en caso que os recorrentes o desexen— antes das 11.30 horas de mañá. Maréaa Galeguista que encabeza Pancho Casal anunciou que xa estaba preparando o recurso de alzada contra a resolución da Xunta Electoral de Galicia.