Martiño Noriega cre que se se aprazan as eleccións en Galicia debe ser por razóns sanitarias, «non por oportunidade política»

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Sandra Alonso

Galicia en Común nega facer a campaña por separado: «A diversidade para nós e un potencial»

11 mares 2020 . Actualizado ás 12:25 h.

Antón Gómez-Reino, Eva Solla e Martiño Noriega, como representantes dos cinco partidos que forman a coalición Galicia en Común-Anova Mareas, deron a coñecer os obxectivos do acordo ao que chegaron para concorrer xuntos ás eleccións autonómicas coa suma de Podemos, EU, Anova, Marea Atlántica e Compostela Aberta. Cinco partidos. Segundo Gómez-Reino, candidato á Xunta, que se presente a coalición é «unha mala noticia para Feijoo» ao que, ao seu entender, «non lle dan as contas», porque en Galicia hai unha maioría de esquerdas: «Representamos unha parte importante deste país que pide un cambio político». Ao seu entender, o tempo do PP na Xunta «rematou», como se puido ver nas manifestacións celebradas por mor da intención da Xunta de pechar o paritorio de Verín e como se verá co impulso das accións do Goberno central, como as desenvolvidas por Yolanda Díaz coa subida do salario mínimo, un «logro» que sacou a relucir o deputado de Galicia en Común para resaltar o traballo dunha ministra galega.

Galicia en Común seguirá desenvolvendo a súa campaña mentres non se ordene o contrario, aínda que son conscientes que agora mesmo hai unha cuestión máis importante que son as medidas que se deben tomar polo coronavirus. «A preocupación é máxima e estamos en contacto permanente coas autoridades sanitarias e co Goberno do Estado e co vicepresidente», subliñou Gómez-Reino. «Temos claro que o fundamental é garantir a saúde pública do conxunto da cidadanía galega e que o proceso electoral ten que celebrarse con todas as garantías para a participación normal da cidadanía».

Con todo, Martiño Noriega (de Anova e Compostela Aberta) advertiu de que, en caso de aprazarse as eleccións, «que ten que arbitrar aí son as autoridades sanitarias, non pode ser unha cuestión de oportunidade política»; é dicir, que os responsables de tomar a decisión son «os encargados da saúde pública, non o presidente Feijoo».

Eva Solla, pola súa banda, puxo en valor o traballo feito no Parlamento de Galicia desde os tempos de AGE, un percorrido no que a deputada de EU estivo presente e do que destacou accións no campo da igualdade e da sanidade. Solla indicou que o programa que presentará Galicia en Común para as autonómicas «bebe de todos eses traballos».

Noriega, número 3 pola Coruña, negou que cada un dos partidos estea facendo a campaña pola súa conta, en relación á ausencia de dirixentes da súa formación no mitin de Pablo Iglesias e á organización dun acto das mareas sen membros destacados de Podemos ou EU. Subliñou que «a diversidade para nós é un potencial, non é un problema», e asegurou que se está actuando de forma coordinada cunha dirección de campaña única e que ningún dos actos «foron feitos de parte». O líder de Compostela Aberta dixo que non se lles pode pedir que renuncien a pór en valor «un dos potenciais que temos, que é a diversidade no espazo municipal, o discurso alternativo no soberanismo e a esquerda federal». Noriega cre que hai en Galicia unha «mobilización do voto da esquerda» que, ao seu entender, «sempre vai ser un voto útil, algo que non acontece na dereita», xa que cre que ao PP escápanselle os votos cara a outras formacións como Vox ou Cidadáns. «Hai confianza nun goberno a tres», dixo en relación ao PSdeG, o BNG e Galicia en Común, o que non significa «nostalxia do bipartito».