Luís Villares vaise e arremete contra as cúpulas de Anova, Podemos e EU

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Xoán A. Soler

O futuro da formación está no aire e a coordinadora decidirá se se abre o proceso para elixir candidato

20 feb 2020 . Actualizado ás 00:23 h.

Luís Villares deixa a política «apenado e desencantado» por non ter podido cumprir cos compromisos adquiridos coa cidadanía cando fai catro anos aceptou encabezar a candidatura de En Marea nas eleccións autonómicas. Anova, Podemos e EU, que non tiñan candidato, pedíronlle que dese «un paso adiante», pero despois non lle deixaron facer. Por iso onte, na súa despedida, arremeteu contra a cúpula dos partidos que din traballar «para a xente» cando, segundo o maxistrado en excedencia, en realidade antepoñen os intereses partiditas ás necesidades da cidadanía.

O maxistrado lucense anunciou este mércores que non se presentaba ás primarias de En Marea. Tras unha tempada afastado da vida pública, volverá á xudicatura. Asegurou que se sente orgulloso de ter servido aos cidadáns neste tempo, a pesar dos desgustos. Ás veces sentiuse «un bicho raro» por non ter renunciado aos seus ideais, e na súa despedida asegurou que «pagámolo caro os que puxemos a ética por riba da política». 

O seu último intento, antes de tirar a toalla, foi facer un chamamento á esquerda para que fose unida ás autonómicas. Non o logrou, pero non perde a esperanza: «Non atopei ningunha razón programática pola que non poida haber un acordo político de esquerda», asegura. De momento, o que segue vendo na carreira cara ao 5M das antigas confluencias é «o de sempre, unha carreira por un asento». Non é o seu caso: «Eu non vin a perpetuarme no meu posto», e por iso vaise, non sen antes pedir unha «reflexión» aos partidos políticos «que se poñen diante das pancartas prometendo cousas que saben que non van cumprir». 

Ana Pontón deséxalle sorte

Tras coñecer a marcha de Villares , a portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, desexoulle «o mellor» e «sorte», pero defendeu, ante o que pode significar para o cambio do panorama político, que a forza «á alza» é o Bloque, polo seu proxecto «serio». «A Xustiza recupera un xuíz que demostrou que era unha persoa xusta, que traballou sempre con moito rigor», apostilou.

Preguntada por se entende que esta marcha atrás de Villares dálle máis forza, Pontón dixo que «o que están vendo é que o BNG é a organización máis á alza do panorama político galego» e, se recuperou o «prestixio» é por .. «o bo facer da organización, polo traballo riguroso e seriedade, recollendo a tradición do nacionalismo galego»

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tamén destacou «o compromiso e o traballo» do portavoz de En Marea, Luis Villares .«Deséxolle os mellores éxitos», dixo o socialista. Gonzalo Caballero mostrou o seu «recoñecemento e respecto» polo traballo realizado por Villares e rexeitou entrar en cuestións internas de cada organización. «Eu desexo que todas as forzas progresistas acerten no seu reto de orientar as eleccións autonómicas con forza e ilusión», indicou.

«Máis inimigos dentro ca fóra»

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta e presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, mostrou o seu «respecto» sobre a decisión do portavoz de En Marea. «Na miña opinión persoal, tivo bastantes máis inimigos dentro ca fóra», dixo. 

Rueda asegurou que Villares está «nas antípodas do pensamento do Partido Popular, pero ao final foi un compañeiro no Parlamento». Por iso, mostrou o seu «recoñecemento para unha persoa que apostou pola política durante un tempo».

Sus compañeros en la dirección de En Marea lo acompañaron en una despedida no exenta de emoción y los que antes compartieron con él ese cometido lamentaron «a perda» en las redes sociales.

Dos seus antigos socios de En Marea só se pronunciou Gómez-Reino, quen valorou que haxa líderes «que cando termina o seu ciclo político dan un paso atrás e recuperan a súa actividade profesional. Iso honra a quen actúa así». Tamén o despediron os seus compañeiros no Grupo Mixto, os deputados Paula Vázquez Verao e Davide Rodríguez, quen, ademais de lamentar a marcha de Villares , pediron para o 5 de abril «unha alianza ampla soberanista» que derrote ao PP. «Un pracer partillar vitorias e derrotas contigo, Luís», escribiu Davide Rodríguez en Twitter.

O futuro de En Marea está no aire. A súa dirección decidirá se mantén as primarias ou se se retira da carreira electoral.