Feijoo na súa aclamación como candidato: «Non serei refén de ningún partido, nin sequera do meu»

Carlos Punzón
Carlos Punzón VIGO / LA VOZ

GALICIA

Xoán Carlos Gil

Ante máis dun milleiro de cargos e militantes nun acto en Vigo, sostén que volve presentarse «para que Galicia saia gañando»

18 feb 2020 . Actualizado ás 19:49 h.

O primeiro encontro de precampaña de Alberto Núñez Feijoo converteuse hoxe en Vigo nun clamor de principio a fin por parte do aspirante á reelección en favor da defensa da unidade na acción política que atribuíu ao PP, fronte á división e o enfrontamento que estima instalaríase no executivo autonómico de vencer outras opcións electorais. «Galicia é máis que a fragmentación, máis que unha política partidaria, que partidos que confrontan entre si. E se en España a política divide segundo perténcese a esquerda ou dereita, nós aquí non pertencemos a ningún bloque de partidos, o PPdeG pertence á maioría dos galegos», dixo na cita da súa proclamación como candidato á presidencia do Goberno galego, para recalcar que non se presenta «para liderar un bloque de partidos», mantendo así a súa aposta por que o PP siga como siglas de referencia en Galicia á marxe de Cidadáns.

No auditorio vigués, a palabra «Galicia» foi a que Alberto Núñez Feijoo repetiu con maior cadencia. «Me emociono por Galicia porque non so é a señal de identidade do noso partido. Galicia é moito, é a miña vida. É prácticamente todo o que son», dixo entre saloucos. «Xa dixen eu que este parágrafo non habería que incluílo», reaccionou rápido no medio dun discurso pronunciado ante 1.200 persoas, a maioría cargos e militantes do seu partido chegados de distintos puntos da comunidade. 

Tras asegurar que os seus once anos de mandato coincidiron con momentos difíciles, Feijoo pediu un apoio masivo de novo advertindo que de novo ao PP non lle abonda con gañar as eleccións, senón que necesita dunha maioría absoluta para seguir gobernando. «Non prometo imposibles, pero fago todo o que é posible. Non fago o que todo o mundo quere oír, e non acertó sempre, pero cando erro traballando sempre buscamos unha solución para solventar os problemas», salientou para a continuación proclamar a liberta de acción que asegura teñen ata no seu propio partido a nivel estatal: «Creo nunha Galicia unida entre si, e unida con España. Proclamo que son un candidato libre, fun un presidente libre e volverei ser un presiente libre, so para obrigarme cos galego, para cumprir os compromisos que asuma con Galicia e para eludir o que nos poda prexudicar. Libre para defender aos galegos e cumprir os compromisos e non quero Galicia baixo as imposiciones de ninguén. Preséntome para dar estabilidade», insistiu sinalando mesmo que na súa proposta política só cabe manter o rumbo actual de moderación. E foi claro cando insistiu: «Non serei refén de ningún partido, nin sequera do meu».

«Galicia é convivencia e respeto e solidaridade e progreso. Estou aquí para que Galicia saia gañando», chegou a pronunciar Feijoo nun acto electoral no que a súa formación se desprendeu da simboloxía clásica do partido para dar todo o protagonismo á palabra Galicia.

Os ataques medidos ao Goberno central, polos incumprimentos que citou en materia da alta velocidade e o abono do IVE, foron combinados con críticas a nacionalistas e independentistas, fronte aos que pediu apoio para manter unha Galicia máis aberta e máis integrada, máis española e máis europea, «que é a Galicia que quere a maioría», de novo subliñando que tamén o PPdeG «discrepa dos populistas», pero defendendo ao mesmo tempo a unidade de España.

«Pedimos o apoio extraordinario dos galegos porque non nos vale con gañar. Un apoio para preservar a normalidade, a cordialidade lingüística», rematou nun discurso que trato de mover a fibra aos asistentes e no que mesturou as mensaxes en galego e castelán.

Antes, o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, deu as grazas a Feijoo por unha «decisión valente e persoal. Grazas por quedar en Galicia e elixir Galicia cando tanta xente quería que deses o salto», recoñeceu o vicepresidente da Xunta.

Pero Rueda advertiu aos seus que «se pensamos que perderemos, farémolo, e se pensamos que imos gañar, perderemos tamén», dixo non sen concluír cunha petición expresa a cargos e seguidores do PPdeG esixíndolles unidade, clave, insistiu, para volver gañar os comicios do 5 de abril.