A Audiencia da Coruña prorroga a prisión provisional do condenado por matar a Diana Quer ata a sentenza firme

J.R.

GALICIA

XOAN A. ADOITAR

O presidente maxistrado da sección sexta acordou a medida tras a comparecencia celebrada hoxe

27 ene 2020 . Actualizado ás 16:58 h.

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, acaba de acordar a prórroga da situación de prisión provisional do condenado José Enrique Abuín Gey á pena de prisión permanente revisable, a catro anos de prisión e a quince anos de liberdade vixiada pola morte de Diana Quer. A Audiencia decreta que a máxima duración posible da prisión provisional concluirá o 29 de decembro de 2032.«Debe precisarse que tal é o tempo máximo que a norma permite, o que non implica -nin é en absoluto previsible- que a medida poida ter necesariamente tal duración, nin exclúe que o tempo transcorrido de privación provisional de liberdade constitúa un factor que deba ser tido en conta para o mantemento ou cesación da medida, como esixe a súa natureza provisional e excepcional”, explica o maxistrado presidente Anxo Pantín no auto. O xuíz destaca que “non se discutiu a subsistencia de motivos justificadores da situación de prisión preventiva”. A resolución engade tamén que «ditada sentenza condenatoria que impuña a pena de prisión permanente e outras, interpúxose pola defensa recurso de apelación, que foi admitido a trámite, celebrándose comparecencia o día de hoxe para decidir sobre o prazo máximo de prisión preventiva, instándose polas acusacións a súa fixación en 15 anos, ao que se opuxo a defensa».