O Goberno dá carpetazo e non pagará os 200 millóns que lle corresponden a Galicia polo IVE

Rubén Santamarta Vicente
Rubén Santamarta REDACCIÓN

GALICIA

atlas

«É unha cuestión que debería resolverse no 2019, e xa non é posible», alega a ministra de Facenda

21 ene 2020 . Actualizado ás 16:11 h.

A Xunta terá que seguir pelexando para poder recibir os 200 millóns de euros que lle corresponden polo IVE pendente de decembro do 2017. A ministra de Facenda e portavoz do Goberno acaba de dar carpetazo a esa cuestión, que afecta a todas as comunidades autónomas: «Tería que executarse durante o 2019, e xa non é posible». Argumenta que o cambio de lei dese imposto só facilita pagar nos dous exercicios seguintes. 

Esta argumentación non é nova, pero ata agora nunca se resolveu con tanta contundencia. Durante a rolda de prensa do Consello de Ministros, María Jesús Montero culpou desa situación ao PP, por partida dobre. Primeiro, por non ter apoiado as contas do pasado exercicio, ferramenta que, segundo ela, tería permitido ese pagamento (alegou que hai un límite temporal de dous anos, aínda que tampouco convocou o Consello de Política Fiscal para poder facelo). E segundo, porque foi un Executivo do PP, o Mariano Rajoy e con Cristóbal Montoro a cargo de Facenda, o que cambiou o sistema de IVE (para cobralo case en tempo real) que rematou privando ás comunidades deses fondos que se reparten entre Estado e autonomías. 

Para a Xunta esa portada supón un importante revés económico. Porque eses 200 millóns que legalmente lle corresponden (e que se quedou definitivamente o Estado, porque é un diñeiro que se ingresou) estaba incluídos no capítulo de gastos para o 2019, dentro dos orzamentos para a comunidade. 

O Goberno tamén se nega a pagar outra cantidade reclamada desde a Xunta, 170 millóns en compensacións prometidas por Rajoy á comunidade por cumprir os obxectivos de estabilidade orzamentaria. De novo, a ministra e portavoz culpou ao PP desa negativa: «Propuxemos un modelo para as comunidades que lles daba 2.500 millóns de euros máis, e que o PP rexeitou». Eses 170 millóns nunca se incluíron no orzamento da Xunta, seguindo un criterio de precaución.

O Executivo de Sánchez só lle deu unha mínima esperanza ao de Feijoo, ao asegurar que dará resposta por escrito ás demandas do presidente galego, entre as que se atopa ese financiamento, e que Pedro Sánchez manterá un encontro con el para ver en persoa as diferentes demandas. Cando se fará unha cousa (contestar) e outra (reunirse) non se precisou.