O BNG lanza a precampaña de autonómicas baixo o lema «Galiza en MarchA!»

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

BNG

Confía en reunir a 700 cargos políticos e simpatizantes o domingo en Santiago para apoiar a candidatura de Ana Pontón

15 ene 2020 . Actualizado ás 19:55 h.

«Galiza en MarchA!» . E así, como a «A» do final en maiúscula. Este é o lema que despregará o BNG no arranque da precampaña das eleccións autonómicas, previstas inicialmente para o outono, pero na que xa se embarcará a formación que dirixe Ana Pontón para deixar clara a súa vocación, así expresada por Xavier Campos, coordinador de comunicación da executiva nacional, de «liderar o cambio político en Galicia». A letra «A» non só é a terminación do nome do país, Galicia, senón tamén a do seu líder, Ana, e que tamén é a letra final do cargo que anhela ocupar: presidenta da Xunta.

O pistoletazo para o comezo da precampaña do Bloque terá lugar o vindeiro domingo, en Santiago, coa organización dun acto no que se congregarán ao redor de 700 persoas co fin de arroupar a Ana Pontón no lanzamento da súa candidatura á Xunta, proclamada xa polo consello nacional do BNG a pasada fin de semana.

A idea é poder reunir no primeiro acto da carreira de autonómicas a toda a sabia da organización, aos seus principais cargos orgánicos e institucionais, así como a verdadeira forza motriz: os simpatizantes. Ademais, será un acto de fiestras abertas, no que se dará voz a referentes nacionalistas en diferentes ámbitos sociais, como Salustiano Mato, exrector da Universidade de Vigo, a escritora Ana Cabaleiro, o investigador Adrián Cordido, Xosé Paleo, do comité de empresa de Alcoa, ou Eugenio Quintas, médico internista do Hospital de Verín.

«Temos candidata, solvencia e proxector político», explicou este mércores Olalla Rodil, deputada e vicecoordinadora de comunicación do BNG, que deixou claro que os nacionalistas se lanzan á carreira das galegas «poñendo toda a maquinaria a funcionar».