Dor na comarca de Ordes pola morte de dous mozos en accidente

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

GALICIA

Kevin Ramilo e Adrián Ledo eran amigos e traballaban na mesma empresa

11 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Conmoción na comarca de Ordes pola tráxica morte de dous mozos nun brutal accidente de tráfico ocorrido na noite do domingo. Kevin Ramilo Pallas tiña 21 anos -cumpriunos en decembro- e era natural da Silva, na parroquia cercedense de Rodís. A súa familia rexenta o bar Xenebra e os tanatorios da Silva e A Milagrosa. Tamén xogou no equipo de fútbol da súa parroquia, o San Martiño. O outro falecido é Adrián Ledo Pantojo, veciño de Ordes e de 26 anos de idade (cumpriría 27 en marzo). A súa familia é moi coñecida na capital ordense, sobre todo a rama materna. Participara nun obradoiro de emprego no Concello de Ordes e na actualidade ambos, ademais de amigos, traballaban na mesma empresa, a firma especializada en obra civil con sede social no Mesón do Vento Syr-Amg.

O fatal accidente ocorreu pasadas as dez da noite no punto quilométrico 12,200 da AC-413, no límite entre Tordoia e Cerceda, á altura da gasolineira da Tablilla. Dous turismos, un Citroën Saxo cor mostaza, que quedou totalmente calcinado como consecuencia do brutal impacto, e un Mercedes todocamiño negro, chocaron frontalmente. O Mercedes ía en dirección Ordes e o Citroën Saxo transitaba cara á Silva, segundo as primeiras pescudas da Garda Civil.

O impacto foi de tal magnitude que o Citroën Saxo foi arrastrado máis de 30 metros, chocou contra un poste e incendiouse. Os seus dous ocupantes, Kevin Ramilo e Adrián Ledo, pereceron no acto e os seus corpos quedaron calcinados. O coche quedou irrecoñecible e convertido nun amasillo de ferros, ata tal punto, que a Garda Civil só puido concretar que modelo era a través da documentación achegada pola titular do vehículo.

Presuntamente, Kevin Ramilo conducía o vehículo. Segundo apuntaron algunhas testemuñas, ambos saíran dun bar de Ordes e viullos por Cerceda antes do sinistro, e era Ramilo o que probablemente conducía.

Os dous ocupantes do Mercedes , residentes en Ordes, foron evacuados en estado moi grave. Trátase dun home de 53 anos, A. L. C., e dunha muller de 51, M. V. M. Ambos foron trasladados ao Chuac. O matrimonio saíra de Carballo e dirixíase a Ordes. A muller continúa ingresada na unidade de coidados intensivos, pero, en principio, a súa vida non corre perigo.

Densa néboa na zona

O sinistro produciuse nunha longa recta con moita visibilidade, aínda que no momento do brutal impacto había unha espesa néboa na zona. Trátase dun tramo con elevada sinistralidade viaria. Fai uns seis anos, un mozo da zona perdeu a vida a escasos metros da gasolineira da Tablilla. As primeiras hipóteses apuntan a que un dos condutores perdeu o control do vehículo, que invadiu o carril contrario e impactou de fronte co outro.

O accidente mobilizou a numerosos medios de urxencias: bombeiros do parque de Ordes, que sufocaron as chamas e excarceraron os corpos dos dous falecidos, Policía Local de Tordoia, Tráfico da Garda Civil da Coruña, atestados e Protección Civil de Cerceda.

Un empregado da gasolineira intentou apagar as chamas, pero o coche, de súpeto, explotou

As primeiras investigacións apuntan a que un dos vehículos invadiu, a gran velocidade, o carril contrario, chocando de fronte contra o outro turismo implicado: «Non oímos freada algunha, soamente un enorme estrondo», apuntou unha presenta testemuña do sinistro. Un empregado da gasolineira da Tablilla viu que o coche comezaba a arder e, rápido, colleu un extintor e acudiu a sufocar as chamas, «pero ao chegar, o coche estoupou e tivo que fuxir da zona», contou esta testemuña.

Investigación polo incendio

Tráfico da Garda Civil da Coruña continúa coas pescudas para esclarecer o ocorrido. Entre elas, determinar por que o Citroën Saxo comezou a arder. Esta persoa, testemuña do sinistro, apuntou unha posible causa: «O poste contra o que bateu o coche ten un cadro eléctrico. Creo que ao golpear xerou unha chispa que, co contacto coa gasolina, provocou o incendio», explicou.

Sobre as doce e media da noite, dúas horas e media despois do accidente, os corpos foron introducidos nun coche fúnebre para o seu traslado ao Chuac para a realización da autopsia e a súa identificación.

Sobre a unha e media da madrugada reabriuse por completo a estrada AC-413 ao tráfico rodado, mentres os gardas civís trataban de pescudar quen eran os ocupantes do turismo. Decenas de persoas seguiron as tarefas dos equipos de urxencias nun silencio sepulcral e soportando temperaturas que rozaban os cero graos.