Cecilia Pereira, xerente do Xacobeo 2021: «Se os nenos queren facer o Camiño, empurran os seus pais a facelo»

m. s. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

«Os galegos somos os que menos facemos a ruta», lembra

23 dic 2019 . Actualizado ás 12:14 h.

Desde que en febreiro do 2018 asumiu o reto de converterse en comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón (Ourense, 1964) traballa na organización dun ano santo para o que faltan doce meses e tan só uns poucos días e do que se agarda que bata todas as marcas. «Desbordada» de traballo pero «ilusionada», entre os obxectivos que se marcou está o de achegar o fenómeno xacobeo aos nenos. 

-Moitos nenos non viviron nunca un xacobeo.

-Moitos nenos non viviron o xacobeo e normalmente os nenos non viven o Camiño, porque é algo que vives máis de adolescente ou de adulto. De feito, a idade media dos peregrinos que veñen a Santiago é alta. Os nenos normalmente non fan o Camiño. Agora aprobáronse varias propostas do Teu Xacobeo que estaban moi ben pensadas para conseguir achegalo aos máis pequenos.

-Como se consegue chegar aos nenos?

-Os galegos somos os que menos facemos o Camiño. É normal, porque o temos aquí. Pero se estimulamos que os nenos o fagan, empurramos os pais a acompañalos. Hai un proxecto precioso que puxeron en marcha en Tui as integrantes de Ideas Peregrinas, que impulsaron Pequegrinos, un proxecto con nenos moi pequenos, de ata 4 anos, que realizan un tramo moi pequeno, pero que teñen a súa propia compostela. Os nenos, ao querer facelo, estimulan aos seus pais e aos seus avós a facelo e a coñecer mellor os espazos xacobeos. As AMPA de Ferrol foi impresionante a xente que moveron nas súas actividades. O colexio de Oroso... Moitas iniciativas que se están pondo en marcha.

-É importante que coñezan o Camiño, pero tamén a riqueza que achega.

-Si, é fundamental achegar o Camiño aos nenos, porque se non non van coñecer a riqueza que o Camiño achega, que é unha autoestrada de intercambio cultural.

-Está o Camiño preparado para os máis pequenos?

-Pois o está. No Camiño, ao final, hai unhas etapas marcadas para organizalo ou sistematizarlo un pouco, pero non é obrigatorio facer esas etapas. Eu animaría á xente a unha preparación dos nenos en traxectos curtos. Temos 1.500 quilómetros en Galicia recoñecidos como Camiños de Santiago: pois achégache a algún que teña vinculación coa historia da túa familia, co teu pobo, coa túa aldea. Todos temos un Camiño preto.

-É ademais unha ferramenta educativa que engloba moitos aspectos.

-Claro, cada vez valórase máis o contacto coa natureza, todos os beneficios que poden ter o camiñar ou o sendeirismo: pois faino por un lugar histórico como o Camiño, onde hai unha enerxía ou un peso de tantas persoas camiñándoo durante séculos. O Camiño ten unha riqueza extraordinaria. Eu animaría aos colexios, porque é unha ferramenta que temos ao lado. Hai tamén material didáctico preparado. Co Camiño aprendes xeografía, aprendes historia, aprendes bioloxía, aprendes ata gastronomía. E logo valores fundamentais: o esforzo, o sacrificio, o intercambio, a austeridade. Aprendes que a felicidade son pequenos momentos, que non fai falta tanto para ser feliz.

-É ese o segredo do Camiño?

-Si, cada persoa que fai o Camiño convértese sin duda nun prescriptor, de aí o éxito do Camiño. Cada persoa que o fai promociónao, e iso é imbatible.