O Camiño tamén é cousa de nenos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

CESAR TOIMIL

O Xacobeo impulsa iniciativas para achegar as peregrinacións ás novas xeracións

23 dic 2019 . Actualizado ás 13:53 h.

Cando a Porta Santa da catedral de Santiago volva abrirse para inaugurar o ano santo 2021 terán pasado dez anos desde que foi selada ao finalizar o anterior ano xacobeo, o do 2010. Desde entón ata ese 1 de xaneiro do 2021 terán nacido en Galicia ao redor de 185.000 nenos: entre o comezo do 2011 e o fin do 2018 viñeron ao mundo 155.537 bebés en Galicia, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), aos que haberá que sumar os nados nos anos 2019 e 2020. O do 2021 será o seu primeiro ano santo. A todos eles e a aqueles que no 2010 eran aínda demasiado pequenos para lembralo o xacobeo propúxose demostrarlles que o Camiño non é só cousa de maiores, e que vale a pena percorrelo e gozar dela a calquera idade.

Algúns xa o saben. Os alumnos do CEIP plurilingüe Camiño Inglés, de Oroso, por exemplo. A eles o Camiño pásalles pola porta, así que como non van coñecelo. Coñéceno tanto que todo neste colexio vira ao redor das rutas a Compostela. Por iso non é estraño que fosen os gañadores do premio Camiño de Santiago 2019 na modalidade na que participaban os centros de ensino non universitario de Galicia. A súa proposta foi unha peregrinación cos alumnos de sexto de primaria partindo da abadía de Finchale, en Durham, onde se inicia o Camiño Inglés, que dá nome a este colexio de Oroso.

Non é, nin moito menos, a única actividade que desenvolve este centro en relación coa tradición xacobea. Cada ano impulsan actividades novas para profundar no coñecemento e nos valores do Camiño, e a intención da comunidade educativa é que o centro se converta nun lugar de parada dos peregrinos que pasan por alí.

Iso fan nunha escola unitaria de Caldas de Reis xunto á que pasa o Camiño. Alí invitan a entrar aos peregrinos para que lles conten a súa experiencia, explíquenlles cousas sobre os seus lugares de orixe e fálenlles no seu idioma. Deste xeito aproveitan a súa situación ao pé da ruta para que os alumnos poidan aprender moitas cousas.

Pero ademais dos que conviven coa ruta xacobea, moitos centros educativos están xa coa vista posta no 2021 e organizando actividades relacionadas co Camiño, moitas delas a través do programa O Teu Xacobeo. É o caso da Semana Escolar do Camiño de Santiago, un proxecto impulsado pola editorial Versátil Edicións no que participaron alumnos de quinto e sexto de primaria de 352 centros públicos galegos. En total, máis de 20.000 nenos. Baixo ese nome de Semana Escolar Camiño de Santiago incluíronse actividades variadas encamiñadas a profundar no coñecemento do Camiño, os seus valores e a súa riqueza. Algunhas delas a través da lectura da ecopanda e ou misterio do románico, unha obra escrita por José Antonio Perozo e ilustrada por Viki Berre.

Outro proxecto no que se implicou a 14.000 estudantes foi o que puxo en marcha a federación de AMPA de Ferrol, con tres iniciativas diferentes nas que participaron trinta colexios. O programa incluíu actividades nas aulas, con materiais para traballar en clase, foros de reflexión e un concurso artístico centrado no Camiño. A segunda das propostas foi unha peregrinación para que os escolares puidesen vivir a experiencia. Organizáronse tres rutas de diferentes lonxitudes. A máis pequena, de ao redor dun quilómetro, entre o porto de Ferrol e a capela das Angustias. A segunda tiña como destino a capela de Caranza e a máis longa, de cinco quilómetros, chegaba ata o mosteiro de San Martiño de Xuvia, xa no concello de Narón.

A última das actividades da programación organizada pola federación de asociacións de pais ferrolá foi un festival no porto de Ferrol que tivo lugar os días 17 e 18 de outubro, con talleres, música, gastronomía e rutas en barco. O proxecto tivo mesmo o seu propio himno e a súa mascota, á que chamaron Frechi.

Entre as actividades do Teu Xacobeo incluíuse tamén outra organizada coa asociación Golfo e Dama e a Consellería de Educación que levou a varias bibliotecas escolares un proxecto de lectura con cans, unha proposta para fomentar coa axuda destes animais as habilidades lectoras e a comunicación.