Instrución da DXT sobre patinetes: nin beirarrúas, nin alcol, nin móbil, nin auriculares

José Manuel Pan
José Manuel Pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Os vehículos de mobilidade persoal (VMP) non poderán superar os 25 km/h, só poderán levar unha persoa e non se necesita carné para conducilos

05 dic 2019 . Actualizado ás 19:58 h.

A Dirección Xeral de Tráfico lanzou unha instrución urxente referida ao uso de patinetes eléctricos na que establece os criterios a seguir polos usuarios, polos concellos e polos axentes encargados da vixilancia do tráfico, mentres o Goberno non aprobe unha normativa específica. Estas son algunhas das normas que establece a instrución, que xa está vixente, que afectan directamente a os patinetes eléctricos, que están catalogados como VMP (vehículos de mobilidade persoal).

Nin por beirarrúas nin por zonas peonís

Esta é unha medida na que hai un consenso xeral, xa que tanto Tráfico como as asociacións de vítimas e o resto dos operadores relacionados coa seguridade viaria apostan por reservar a beirarrúa en exclusiva para os peóns. A DXT deixa aos concellos que regulen nas súas ordenanzas municipais as zonas polas que poderán ir os patinetes eléctricos, probablemente carrís bici e áreas específicas. Mentres tanto, a instrución non aclara o lugar polo que poderán circular a partir de agora os VMP, aínda que parece lóxico que teñan que facelo pola calzada como unha bicicleta e cumprindo as normas de circulación. A multa por circular pola beirarrúa é de 200 euros.

Non poderán superar os 25 km/h

Os patinetes eléctricos están catalogados como vehículos dunha ou dúas rodas, dunha única praza, e propulsados por un motor eléctrico que, por construción e potencia, poden acadar velocidades comprendidas entres 6 e 25 kms/h. Os que acaden velocidades inferiores a 6 kms/h terán a consideración de xoguetes.

Soamente unha praza

Os vehículos de mobilidade persoal deben estar construídos para unha soa praza. A normativa deses vehículos só permite o transporte dunha unha persoa, polo que o incumprimento desta norma é unha infracción que está castigada con 100 euros de multa.

Non necesitan carné de conducir nin seguro

A instrución da DXT establece que os VMP non necesitan ningún tipo de autorización administrativa para circular e que o seu condutor ou condutora non necesita carné. Estes patinetes non necesitarán seguro obrigatorio ao non ser considerados como vehículos a motor. Isto non impide que calquera usuario poida contratar un seguro de responsabilidade civil se así o considera.

Non hai idade mínima para conducilos

A pesar das dúbidas que houbo inicialmente, Tráfico decidiu non fixar unha idade mínima para poder conducir un vehículo de mobilidade persoal. De todos os xeitos, a instrución lembra que no caso das infraccións cometidas por menores de 18 anos serán os pais ou titores os responsables da infracción cometida polo menor.

Probas de alcol e de drogas

Os usuarios de patinetes eléctricos están obrigados, como calquera outro condutor de vehículos, a realizar as probas de alcol e de drogas cando sexan requiridos por un axente de Tráfico. A sanción é a mesma que a calquera condutor que dea positivo, de entre 500 e 1.000 euros nos positivos de alcol, e de 1.000 euros cando se detecte presenza de drogas no organismo. A instrución da DXT advirte que no caso de positivo en alcol ou drogas, o patinete debe ser inmobilizado.

Prohibido o uso do teléfono móbil

Ao ser condutores de vehículos, quen manexen un VMP teñen prohibido conducir usando o teléfono móbil ou calquera outro tipo de sistema de comunicación. Multa de 200 euros.

Multa por levar auriculares

É frecuente ver a usuarios de patinetes escoitando música con cascos ou auriculares. Tráfico lembra que os condutores de VMP teñen prohibido utilizar ese tipo de dispositivos. Multa de 200 euros.

Condución nocturna con luces

Conducir de noite un vehículo sen iluminación ou sen elementos ou pezas reflectoras será considerado condución neglixente. Nese caso, a sanción é de 200 euros de multa.