As prazas de acceso libre en Educación: 2.036 en total, 902 para repor vacantes e 1.134 para estabilizar

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO

GALICIA

Oposiciones de educación en Ourense en el mes de junio del 2019
Oposicións de educación en Ourense no mes de xuño do 2019 MIGUEL VILLAR

A repartición por especialidades non se saberá ata o 2020 e os sindicatos lamentan que os opositores estean a estudar sen coñecer a distribución

03 dic 2019 . Actualizado ás 21:31 h.

Segue sen publicarse o número de prazas por especialidades, pero a Consellería de Educación aclarou algo máis da oferta de emprego do próximo curso, a máis ampla desde que a Xunta ten competencias en educación . Os responsables da Administración deron a coñecer aos sindicatos oficialmente a cifra de 3.654 prazas, pero entre elas só 2.036 son de acceso libre, xa que o resto son prazas para a creación de cátedras,1.300, e o resto de promoción interna.  

As prazas libres proceden de dúas vías, a taxa de reposición e a estabilización. A primeira delas pretende cubrir as vacantes por falecemento, excedencias ou as daqueles profesores que se foron a outras autonomías tras participar no concurso de traslados; a segunda ten como obxectivo reducir a temporalidade, é dicir, a porcentaxe de interinos. 

No 2019 a Consellería de Educación rexistrou a xubilación de 888 docentes; 17 pediron unha excedencia voluntaria e outros 15 faleceron. Dezaoito volveron a incorporarse ao sistema educativo por diferentes motivos, así que o saldo é de 902 prazas convocadas. A isto súmanse 1.134 para estabilizar emprego, unha cifra coa que a Xunta aproveita a lei do 2017 que permite utilizar os postos que non se estabilizaron nos dous últimos anos. 

A falta de que se publiquen as prazas por especialidades, a maior oferta será a de ensino secundario: 1.041 postos entre acceso libre e promoción interna, mentres que no corpo de mestres haberá 747 prazas, todas de acceso libre. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, insistiu en que é a maior oferta da historia e a máxima que permite a lei. Por iso a cifra non é negociable á alza, xa que non poden convocarse máis. Pinal lembrou que xa se informou de en que especialidades haberá prazas, 88, aínda que o número de postos de cada unha non se saberá ata a convocatoria.

Os sindicatos criticaron que non se coñeza a distribución por especialidades. Para Suso Bermello, de CIG-Ensino, o sistema debería atender a dúas realidades: a dos opositores que queren entrar no ensino público e a das persoas que levan décadas traballando nela. Tamén Julio Díaz, de ANPE, criticou o modelo de acceso, «tendo en conta ou acontecido nas últimas convocatorias, nas que se está a obviar sistematicamente a fase de concurso». Paula Carreiro, de UGT, coincide en agardar a que se coñeza a distribución para ver se a valoración é totalmente positiva, mentres que para José Fuentes , de Comisións, a oferta é satisfactoria.