A Garda Civil investiga na Laracha un suposto intento de secuestro de tres nenas

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

GALICIA

O pai dunha delas denunciou que dous homes brancos duns 40 anos acosaron á súa filla e dúas amigas

11 novs 2019 . Actualizado ás 11:30 h.

Axentes da Garda Civil e Policía Local da Laracha realizan indagacións sobre o suposto intento de secuestro de tres nenas. Os feitos foron dados a coñecer polo pai dunha das menores a través das redes sociais e axentes do instituto armado intentan identificar a dous homes. 

 Un policía si comento que as afectadas están «moi nerviosas».

O pai das mozas está en Polonia e a través de Facebook denunciou que o sábado, ás 20.30 horas, dous individuos «de raza branca e uns 40 anos de idade» intentaron «secuestrar» á súa filla e a dúas amigas. Os feitos tiveron lugar no parque Maximino Canedo da Laracha. Así mesmo afirmaba que os dous suxeitos estaban en senllos coches, un negro e outro gris.

Nada máis ter coñecemento do ocorrido, membros da Garda Civil e da Policía Local presentáronse no lugar, inspeccionaron a área e, en principio, non viron nada nin a ninguén sospeitoso.

Onte pola tarde a persoa que divulgou a través de Facebook o suposto secuestro e pediu a colaboración cidadá para identificar aos presuntos autores manifestaba que xa presentara as correspondentes denuncias. Tamén pedía desculpas polas súas críticas aos corpos de seguridade nuns comentarios anteriores. Ao mesmo tempo manifestaba que a súa resposta ao suceso fora froito do seu «estado de nerviosismo» o que considera comprensible: «Estou a 3.000 quilómetros da miña filla e a única información que teño é a través de ela», explicaba.

Membros dos corpos de seguridade entrevistáronse coas mozas vítimas do suposto intento de secuestro e tamén falaron coas familias, pero pouco puideron aclarar. Un dos membros da Policía Local si dixo que as nenas estaban nerviosas. E unha delas declarou que un dos sospeitosos portaba unha navalla.

En alerta

Non é a primeira vez que na Laracha se denuncian feitos deste tipo. Nos postos do instituto armado da Costa da Morte e de Barbanza, Muros e Noia estaban en alerta a finais de outubro para dar co paradoiro de catro homes aos que se lles relacionaba co seguimento e acoso a mulleres novas, na súa maioría maiores de idade. Precisamente, o último episodio fora denunciado o sábado 19 de outubro na Laracha. Dúas mozas de 13 e 14 anos de idade camiñaban pola céntrica rúa Santa Lucía cando un Renault Mégane de cor verde púxose a seguilas. No interior do vehículo ían catro individuos, que, segundo as novas, observáronas insistentemente. Nun momento dado, un deles baixouse e seguiunas a pé. Elas botáronse a correr e refuxiáronse nun establecemento próximo.

O alcalde pide serenidade para abordar estas cuestións co tacto debido e deixar operar aos corpos de seguridade.