Xusto Beramendi: «Que tanto La Voz como o Museo poidan traballar moitos anos polo ben do país»

Xusto Beramendi

GALICIA

El presidente del patronato del Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, durante su discurso
O presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, durante o seu discurso César Quian

Discurso íntegro do gañador do Premio Fernández Latorre, que lembrou a traxectoria do Museo do Pobo Galego nos seus 43 anos de historia

17 oct 2019 . Actualizado ás 10:42 h.

Sr.Presidente da Xunta de Galicia, Sr. Presidente da Fundación Santiago Rey Fernández Latorre, autoridades, miñas donas, meus señores.

Como é natural debo empezar por agradecer á Fundación Santiago Rey Fernández Latorre a concesión deste valioso premio, que nos honra. Fágoo en nome de todas as persoas e institucións que forman o noso Padroado, do persoal do Museo, do numeroso voluntariado que fai posible a cotío un funcionamento e un nivel de actividades que doutro modo non poderíamos asumir, das poucas empresas que nos axudan e dos aproximadamene dous mil socios do Museo que son as nosas raíces nese pobo que nos dá nome e razón de ser. 

Nos 137 anos de vida de La Voz de Galicia, que como todo o mundo sabe iniciou a súa longa andaina en 1882, non faltaron os episodios de relación positiva do xornal co que podemos chamar galeguismo basal, entendido este como asunción da singularidade da identidade específicamente galega e como vontade da súa preservación. E quero lembrar nesta ocasión dous episodios desa relación que estimo moi significativos. 

O primeiro data dos primeiros pasos do periódico. O propio fundador, D. Juan Fernández Latorre, asociouse co rexionalista Andrés Martínez Salazar para crear unha editorial, a Biblioteca Gallega, que, sostida en realidade por La Voz de Galicia e a súa imprenta, foi unha das dúas primeiras editoriais galeguistas da historia xunto coa montada por Eugenio Carré Aldao na súa librería da Coruña. No catálogo da Biblioteca Gallega figuran a maioría dos principais autores da tendencia liberal do rexionalismo, con obras tan fundamentais como Los precursores de Manuel Murguía, que inaugura a serie en 1886, El Idioma Gallego de Antonio María de la Iglesia ou os libros de Antolín López Peláez que rescataron do esquecemento a figura de Fr. Martín Sarmiento.

O segundo episodio é nada menos que a xénese e nacemento da primeira Irmandade da Fala en 1916. O 5 de xaneiro dese ano, Antón Villar Ponte, que daquela traballaba na redacción do xornal, iniciou dende La Voz de Galicia a publicación dunha serie de artigos nos que avogaba pola creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego, campaña que foi atopando apoios e que culminou o 21 de marzo coa saída do prelo do propio periódico do seu folleto Nacionalismo galego (Apuntamentos para un libro) Nosa afirmación rexional, que é ante todo unha apoloxía da lingua galega e un insistente chamamento á súa defensa e difusión, para o que, segundo el, compría reactivar o galeguismo. Esgotado en poucos meses, o folleto coñeceu unha segunda edición ampliada en xuño. Pero antes disto, Antón Villar Ponte, animado pola boa acollida e seguindo o consello do seu irmán Ramón, deu o paso de convocar para o 18 de maio unha reunión nos locais da Real Academia Galega. Segundo a favorable información publicada por La Voz de Galicia o día seguinte xuntouse alí “un grupo de entusiastas de la causa de nuestra región” entre os que, ademáis do groso do rexionalismo coruñés supervivinte e dalgúns simpatizantes novos, había unha nutrida representación dos redactores de La Voz entre os que salientaban, á parte do propio Villar Ponte, os irmáns Alejandro e Augusto Barreiro Noya e Robustiano Fajinas. Aqueles “entusiastas” acordaron crear a primeira Irmandade da Fala de Galicia, a da Coruña, á que seguiron outras en diferenes cidades e vilas. E con esta decisión abriron unha nova fase no devir do galeguismo político.

Volvamos ao presente e ao Museo do Pobo Galego. Somos unha entidade algo atípica, o que ás veces non é malo. Nada da sociedade civil en 1976, en plena Transición, nin existiría sen a entrega desinteresada de moitas vontades privadas, nin podería subsistir sen o sostén duns poderes públicos que aportan máis da metade dos seus recursos e dos que, porén, quere manterse independente para continuar fiel ao espírito fundacional, definido polo galeguismo esencial que é denominador común dos seus moi diversos integrantes. Nestes 43 anos, con acertos e con erros, salvando limitacións e dificultades, algo fumos facendo. E procuramos seguir. Por iso ten tanto valor para nós recoñecementos como este que hoxe recibimos. 

E remato cun desexo: que tanto La Voz de Galicia como o Museo do Pobo Galego poidan traballar durante moitos anos, cada quen no seu eido, polo ben do país. 

E outra vez, moitas grazas.