Gómez-Reino versus Bescansa, a secuela

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O 10N depara unhas novas primarias no rupturismo, que poden causar outra escisión no Hórreo

14 oct 2019 . Actualizado ás 12:32 h.

Hai xusto un ano que Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común pola Coruña, e Carolina Bescansa, cabeza de lista coruñesa de máis País, compartían militancia e enfrontábanse nunhas primarias polo control de Podemos en Galicia. Foron case 3.200 inscritos os que participaron naquela votación dirimida en favor de Gómez-Reino, aínda que o fixo —agora sábese— deixando un final demasiado aberto como para revolver o xogo de tronos da esquerda rupturista galega. Así que haberá nova tempada, ou polo menos unha secuela, para ver como acaba a serie.

As xerais do 10 de novembro enfrontarán de novo ao activista coruñés e á socióloga compostelá nunha especie de primarias abertas a toda a cidadanía da provincia da Coruña. E deste duelo vai depender en gran medida a configuración do espazo político das mareas de cara ás autonómicas do ano 2020.

Todo o que rodea a Máis País, o partido de Errejón e Bescansa, e a súa irrupción na campaña do 10N son ingredientes para complicar a trama do xogo de tronos do rupturismo. Desde Unidas Podemos aluden á nova formación como o auténtico inimigo a bater, máis mesmo que a dereita ou o PSOE, e por iso non é estraño que as súas bases lancen ataques concertados a través de Twitter para desacreditar o que en realidade foi unha escisión de Podemos. Nalgúns grupos internos de inscritos aluden aos excompañeros como Carolina Vinganza e Íñigo Traizón, motes que saltaron ás redes sociais.

Como personaxes de serie

Curioso tamén resulta que ambos os protagonistas actúen tamén como personaxes de serie. Con Gómez-Reino atacando ao seu rival con argumentos tan inconsistentes como que non presenten candidaturas en todas as provincias e cunha Carolina Bescansa reinventada sen facerlle o máis mínimo caso.

As dúas forzas políticas, Galicia en Común e Máis País, teñen bastantes opcións de obter representación en Galicia, segundo a maioría das enquisas publicadas, así que non é raro que o duelo sexa observado con sumo interese por todos aqueles activos do rupturismo desexosos de seguir desempeñando algún papel político de cara ao futuro.

Non hai que perder de vista que Bescansa, aínda que perdese fai un ano, obtivo 1.400 votos nas primarias, nin que ten un bo puñado de adeptos en Galicia. Algúns abrazaron abertamente a súa causa, causando baixa no partido morado, e outros como Carmen Santos, exsecretaria xeral de Podemos Galicia, acenden unha vela a Deus e outra ao diaño.

Por agora, tres persoas moi próximas a Carmen Santos no seu equipo de Podemos —Ana Abella, Natalia Prieto e o seu irmán Rogelio— xa deron o salto a Máis País, mentres ela permanece atenta aos acontecementos, confesando que, en política, en realidade débello todo a Bescansa. Por iso non resultou raro que, a pesar de ser de Podemos, aplaudise en Twitter a «valentía» da socióloga compostelá cando decidiu presentarse por Máis País.

A secuela do xogo de tronos promete . E todo indica que se Bescansa se coroa como deputada, a sacudida no Parlamento galego vai ser case inmediata, pois entre os rupturistas hai deputados dispostos a abrazar a causa de máis País de cara ás autonómicas do 2020.