Beiras chama «merdentos» a Rajoy e a Felipe González e desexa que os carbonice

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Martina Miser

O veterano político nacionalista publica un chío no que arremete contra os expresidentes do Goberno, que participaron o pasado venres nun foro na Toxa

09 oct 2019 . Actualizado ás 08:41 h.

Xosé Manuel Beiras publicou un chío no que cualifica de «merdentos» a Mariano Rajoy e Felipe González e desexa que os carbonice.

Na súa controvertida mensaxe, que xerou controversia nas redes sociais, o veterano político nacionalista, agora afastado da primeira liña, ataca aos expresidentes do Goberno polos seus comentarios sobre unha posible gran coalición entre PSOE e PP -nas súas palabras, «coyunda PPPSOE»- o venres 4 de outubro no foro celebrado na illa da Toxa sobre o futuro de Occidente. 

Felipe González e Mariano Rajoy mostraron a súa preocupación pola inestabilidade política e institucional que vive España. E avogaron por buscar puntos de consenso para romper a dinámica de bloques que impediu a formación de gobernos nos últimos anos. No diálogo, Rajoy apostou claramente por unha gran coalición, como fixera previamente Feijoo. E González apoiou a formación de «un pacto de maioría». Esa intervención relanzou a idea dun futuro e hipotético acordo entre os dous grandes partidos do escenario estatal contra o que agora carga Beiras

O político nacionalista protagonizou outra gran polémica nas redes sociais tras as eleccións municipais do 26 de maio. Tres días despois da cita coas urnas, cito en Twitter a Otero Pedrayo para cuestionar os resultados e agraviar aos composteláns tras a vitoria de Bugallo e a derrota de Martiño Noriega: chamou a Santiago «depósito de restos humanos en descomposición». Moitos se tomaron aquela mensaxe como un insulto. 

Non era a primeira vez que Beiras incendiaba as redes. Meses antes discutira con Alexandra Fernández -do seu partido, Anova, e entón deputada de En Marea no Congreso- pola división de voto ante os frustrados Orzamentos de Pedro Sánchez. Tamén reprochou de forma airada a Pablo Iglesias a súa intención en entrar no Goberno: «A cobiza fura as faldriqueiras». 

MARCOS CREO

O vello profesor leva fóra da política  activa desde a formación da candidatura de En Marea para as eleccións autonómicas do 2016. Pasoulle a testemuña a Villares como candidato á Xunta, deixou despois a portavocía de Anova e logo optou por non presentarse ao consello dás mareas. O nome de Beiras soou en certos mentideros na carreira das últimas eleccións xerais como posible aspirante ao Senado, pero non protagonizou o que fose o seu enésimo regreso. quedou fóra do novo escenario e só saltou ao primeiro plano da actualidade a golpe de chíos cargados de controversia.