José Manuel Pazo: «Levo 32 anos vivindo do aire»

GALICIA

SANDRA ALONSO

O presidente da asociación eólica de Galicia prognostica grandes avances na industria para os próximos anos

24 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Camisa branca entallada, zapato fino, lentes de pasta, afeitado pulcro e moito entusiasmo. José Manuel Pazo (O Carballiño, 1960), a voz pola que se expresa a industria do vento, enche o despacho no que nos atopamos coas súas proxeccións de futuro e o seu bo humor. Emana tanta enerxía que seguramente movería o soíño un par de aeroxeradores. Comeza pola súa conta, sen preguntas.

-Son o segundo de sete irmáns. Vivín en Verín sete anos e levo 50 en Santiago, aínda que estudei enxeñería en Vigo. Empecei a traballar na Administración, en proxectos enerxéticos innovadores. Entrei de bolseiro co primeiro parque eólico de Estaca de Bares, así que levo 32 anos vivindo do aire.

-Son vostedes o futuro.

-O futuro é a electrificación total da economía. Eramos unha utopía, pero xa somos o 20 % da xeración eléctrica en España. E un 50 % do consumo eólico galego. Con máis eólica, en cinco anos, agardamos cubrir todas as necesidades de consumo en Galicia, xunto coa hidráulica.

-As enerxías sucias, antes ríanse de vostedes.

-Pero aí produciuse un cambio radical. As grandes empresas, incluso as petroleiras, están a meterse a lume de biqueira nas enerxías verdes. A idea é que o que hoxe é petróleo pase a ser vento e sol.

-As placas solares son caras.

-Hoxe o panel chinés está a un prezo de risa. E na eólica igual. Os custos están a baixar.

-Eu vexo con frecuencia transportes especiais polas autovías levando aeroxeradores.

-Pero cada vez haberá menos. Cando era bolseiro tiñamos máquinas de 30 quilowatts e agora estamos a falar de aparellos de 3.000. E en dous anos, do dobre. Isto vai como un tiro. Os cinco mil e pico aeroxeradores que hai en Galicia converteranse en 600 ou 700.

-Nalgún momento falouse de colocalos no mar.

-Están montando un parque eólico a 10 quilómetros de Valença do Miño. Serán grandes estruturas flotantes con aeroxeradores que poderán dar cobertura a 10.000 vivendas cada un. Corenta alimentarían a Vigo e toda a súa comarca.

-O problema enerxético vaise aliviar.

-A enerxía vai sobrar. E en menos tempo do que se pensa. A batería do seu coche vai xerarlle negocio. Xa o verá.

-É vostede moi optimista. Non se eu se aos señores do petróleo vailles a gustar iso de que sobre a enerxía...

-A transición enerxética é imparable, im-pa-ra-ble. Os chineses producen 40 gigas de placas e estalles sobrando a metade. A placa solar vanlla a regalar no supermercado con cupóns.

-No negocio eólico non faltaron as polémicas.

- É verdade que houbo aí uns momentos en que se politizou tanto que se chegou a paralizar o desenvolvemento. O diñeiro é covarde e busca a seguridade xurídica. Houbo un momento en que non a había.

-Deixemos isto. De neno, que quería ser de maior?

-Aviador, Lle petit prince. Estiven nunha academia do aire, pero non me deixaron pola vista. Quería voar.

-Miúda desilusión.

-Si, aínda que na miña casa se alegraron. Non quedou máis remedio que facerme enxeñeiro porque me pasaba o tempo montando e desmontando aparellos: o espertador, a lavadora...

-Volveu montar unha lavadora?

-Non. A lavadora non volveu funcionar, ja, ja.

-Celta ou Dépor?

-Celtarra a matar. Os de Ourense, normalmente, somos do Celta .

-Con que se entretén?

-Gústame construír lámpadas.

-Vaia, iso si que non o oíu ata agora.

-Non atopo unha lámpada que me guste e fago composicións con materiais. É algo que sempre me obsesionou. Tamén teño unha moto vella, unha Ducati de 250 cc. que armo e desarmo, así que sempre acaba no taller.

-É moteiro?

-Funo ata os 25. Logo pareceume perigoso. E en Vigo moito máis. Cando a estreei, tiráronme dúas veces en 25 quilómetros.

-Defínase en poucas palabras.

-Son familiar, viaxeiro e un pouco trapalleiro.

-Que tal se defende na cociña?

-Gústame máis comer que cociñar, aínda que tiven dez anos de custodia compartida e cociñei bastante.

-Imaxine que vai nun cruceiro con Sánchez, Rivera, Casado e Iglesias . Ponse a discutir e cáense á auga. Vostede, desde a cuberta, só ten un salvavidas. A quen llo lanza?

-No momento no que estamos, creo que o máis adecuado sería deixar que se afogasen os catro, ja, ja.

-Se fose presidente do Goberno, cal sería o primeiro decreto que asinaría?

-Esta é doado: o da renovación enerxética. Sería ademais a medida máis efectiva para crear emprego de futuro.

-Ten un lugar favorito?

-Carnota. E Nova York, é unha cidade fascinante.

-Unha canción.

-You've got a friend, de Carole King e James Taylor. Tamén me gusta moito un grupo que se chama Chelsea Boots.

-Que é o máis importante na vida?

-A felicidade. E vivir con ilusión.