A aparición de artefactos evidencia a intencionalidade dos incendios

Redacción / La Voz

GALICIA

MARCOS MÍGUEZ

Axentes da Policía Autonómica buscan a «sospeitosos» do lume de Ribeira

09 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

En tres días de outubro do 2017, Galicia perdeu máis de 32.000 hectáreas de monte por mor das chamas. Aquela cifra, que superaba con fartura o obxectivo que a Xunta se marcou para todo o ano (21.000 hectáreas), deu pé a unha investigación da Fiscalía Superior de Galicia que guindou unha conclusión tan tráxica como demoledora: o 88 % dos 229 incendios que arrasasen as terras de Breogán durante aquela fin de semana foran causados pola acción do home. Case dous anos despois, a historia, como tantas veces, volveuse a repetir. Nesta ocasión non foi unha investigación, senón a aparición de varios artefactos incendiarios en distintos puntos da comunidade, o que demostrou que o monte galego non arde . Quéimano.

Foi o pasado sábado cando saltou a voz de alarma. O conselleiro de Medio Rural, José González, desprazábase a Ribeira para seguir as tarefas de extinción do episodio máis grave rexistrado nesa xornada e daba conta da noticia. Axentes da Policía Autonómica e brigadistas localizaran na zona varios artefactos cos que os incendiarios terían causado as desfeitas, en total, unhas 175 hectáreas.

Detalle de los artefactos (uno sin prender y el otro quemado) localizados en distintos puntos de Galicia en los últimos días
Detalle dos artefactos (un sen prender e o outro queimado) localizados en distintos puntos de Galicia nos últimos días

González explicou ademais que estes achados se repetiron noutros dos lumes rexistrados en distintos puntos da comunidade nos días precedentes. Unha onda que arrasou máis de 1.000 hectáreas e na que os incendiarios aproveitaron as condicións meteorolóxicas do mes de setembro: unha temperatura próxima aos 30 graos, unha humidade inferior ao 30 % e ventos superiores aos 30 km/h.

No caso do incendio de Ribeira, os axentes da Policía Autonómica buscan xa a «varios sospeitosos» que poderían estar relacionados con este incidente. Á vista da gravidade da situación, tanto o conselleiro como o presidente Núñez Feijoo fixeron un chamamento público durante a fin de semana para animar aos galegos a denunciar aos incendiarios a través do teléfono habilitado para tal fin: 900 815 085, unha liña gratuíta que ademais garante o anonimato ao autor da chamada.

Polo que respecta ao parte da xornada de onte, o incendio máis grave tivo lugar pola tarde en Culleredo , concretamente preto da Polvoreira, a antiga zona militar e próxima ao aeroporto de Alvedro. Catro helicópteros, dous hidroavións, tres axentes, oito brigadas, seis motobombas e unha pa traballaron arreo para acabar coas chamas, que chegaron ata A Zapateira e que obrigaron a activar un dispositivo na terceira rolda da Coruña por se era necesario cortar a estrada. O lume quedou controlado a última hora da tarde.

Segundo informou Medio Rural, onte quedou tamén extinguido o lume de Ribeira, e logrouse controlar o de Monforte de Lemos (465 hectáreas arrasadas) e o de Lobeira (150 hectáreas). Os equipos antiincendios lograron extinguir para rematar o episodio rexistrado en Zas , que afectou a unhas 21 hectáreas.