As aulas incorporan este curso a case 1.700 novos profesores funcionarios

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

O 7% dos docentes do sistema público son interinos, a taxa máis baixa de España

19 sep 2019 . Actualizado ás 21:44 h.

Fin de traxecto. A Consellería de Educación publicou as listas de aspirantes que obtiveron praza no proceso selectivo deste ano e que o curso que está a piques de comezar entrarán como funcionarios no sistema educativo da comunidade. Segundo esas listas, son un total de 1.670 persoas, ás que hai que sumar outras 18 que superaron o proceso de promoción interna, co cal xa eran persoal funcionario.

Segundo os cálculos da Consellería de Educación, tras o proceso de oposicións deste ano a taxa de temporalidade do sistema educativo galego queda nun 7%, a máis baixa do Estado e xa por baixo da media que se marcaron o Goberno e as organizacións sindicais para o horizonte do 2020.

En consonancia coa oferta de prazas que se realizou este ano (1.780 de novo ingreso), a maioría dos novos profesores funcionarios corresponden ao corpo de secundaria, un total de 760, seguido do de mestres, con 742. A especialidade máis numerosa é a de Primaria, con 180 novos funcionarios, seguida moi de preto de Educación Infantil (135), Pedagoxía Terapéutica (125) e Audición e Linguaxe (100), que coinciden coas especialidade que maior oferta tiveron nas oposicións deste curso.

No caso das especialidades de secundaria, a máis numerosa é Matemáticas, con case un centenar de novos funcionarios, mentres que a que menos traballadores públicos achega é Portugués: un total de sete novos docentes. Era tamén a que menos prazas ofertaba de todas as especialidades de secundaria.

Ademais, hai 122 novos funcionarios do corpo de profesores de FP, a maioría (45) da especialidade de Procesos de Xestión Administrativa, unha trintena de persoas que obtiveron unha praza na especialidade de Inglés nas Escolas Oficiais de Idiomas e 16 novos funcionarios (oito de Piano e outros tantos de Linguaxe Musical) dentro do corpo de profesores de música e artes escénicas.

Este curso, eses case 1.700 novos docentes exercerán en prácticas, e ao finalizar o curso e superar este primeiro ano deberán empezar a participar de xeito obrigatorio no concurso de traslados para que se lle asigne un destino provisional. E, finalmente, o seu primeiro destino definitivo.

Aquelas persoas que por causa xustificada necesiten aprazar a súa incorporación á fase de prácticas deben solicitalo por escrito á Xunta e achegar a documentación necesaria que o certifique.

Este curso, e como veñen sendo habitual, superaron o proceso selectivo ao redor do 10% do total de aspirantes a obter unha praza no ensino público. Marcouse unha marca histórica, non só en número de prazas -só superado pola convocatoria do ano 2007- senón tamén en número de inscritos no proceso: un total de 18.778 persoas.

Claro que non todas as especialidades son iguais. Esta cita era dez veces máis difícil sacar unha praza de educación infantil que de francés para primaria. A primeira especialidade tiña a 20 persoas inscritas por praza, mentres que para mestre de francés había 146 inscritos, ou o que é o mesmo. unha cociente de dous opositores por cada unha das vacantes que se ofertaron.

As oposicións deixan sen cubrir unhas 120 vacantes convocadas en Galicia

Se se pode resumir nunha frase un proceso de oposicións sería esta: aprobados sen praza, e prazas sen aprobado. Porque o procedemento deste ano deixou sen cubrir ao redor de 120 vacantes de novo ingreso que se ofertaban, o que significa o 7% do total. Mentres nalgunhas especialidades houbo xente que aprobou o concurso-oposición pero que non conseguiu obter un posto no ensino público, noutros casos houbo menos persoa aprobadas que o número de prazas que saíron a concurso. A porcentaxe é lixeiramente superior ao do ano pasado. Ademais, a taxa de cobertura das prazas de promoción interna (un total de 276 vacantes) foi moi baixa.

É o caso, por exemplo, de mestre de francés, que deixou desertas 37 das 70 vacantes de novo ingreso. En secundaria, a especialidade con maior número de prazas desertas é Matemáticas: houbo case un centenar de aspirantes aprobados, por convocábanse 120 vacantes de novo ingreso. En total, e segundo as cifras achegadas pola propia Consellería de Educación, no corpo de mestres quedaron 37 prazas desertas. Tampouco se puido cubrir 13 prazas do profesorado de Formación Profesional e o corpo de secundaria deixou sen cubrir un total de 80 vacantes. Entre as de menor taxa de cobertura, ademais da vintena de Matemáticas hai que sumar outras tantas de Formación e Orientación Laboral e 14 máis da especialidade de Informática.