Un de cada cinco menores galegos, en risco de pobreza e exclusión

La Voz

GALICIA

A cifra caeu un 6,4 % nos tres últimos anos

28 sep 2019 . Actualizado ás 18:33 h.

Uns 77.600 menores están en risco de pobreza e exclusión en Galicia, segundo datos do INE destacados este mércores pola ONG Educo. A cifra representa a un de cada cinco menores da comunidade, pero é mellor que a rexistrada na última medición do 2016. En concreto, o número de afectados descendeu un 6,4 % menos en tres anos, melloría que foi destacada pola organización non gobernamental.

Segundo a oenegué, Galicia é a cuarta autonomía española con menores taxas de pobreza infantil e a mellor situada en canto a rexistros de precariedade, xa que só un 15,6 % das familias declara que tería problemas para chegar a fin de mes en caso de xurdir un imprevisto. A media estatal neste último caso é de máis do dobre, un 37,2 %.

En canto á posibilidade de irse de vacacións en familia, os datos galegos son peores que os nacionais. O 35,3 % dos consultados na Enquisa de Condicións de Vida do INE na comunidade asegura que non pode permitirse nin unha semana ao ano. Unha porcentaxe que Educo traduce en máis de 130.000 nenos sen a posibilidade de ter nin unha semana de vacacións en familia.

A oenegué reclama que a infancia sexa «unha prioridade» en todos os niveis da Administración e que se aumente o «investimento real» en políticas dedicadas a este sector de poboación.