O conselleiro, sobre o pazo de Meirás: «Esta Administración ten demostrado que fai cumplir a lei a todas as familias con independencia de quen sexan»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Pazo de Meirás, en Sada
Pazo de Meirás, en Sada CESAR QUIAN

A Xunta sancionará de novo aos Franco se se demostra que están a incumprir coa apertura do inmoble catro días ao mes

22 ago 2019 . Actualizado ás 10:44 h.

«Esta Administración ten demostrado que fai cumplir a lei a todas as familias con independencia de quen sexan». Era a resposta do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez ás preguntas sobre o novo expediente informativo que se abriu sobre o incumprimento da obrigación dos Franco de abrir ao público o Pazo de Meirás catro días ao mes.

«Cando hai unha denuncia ábrense dilixencias. Obviamente nós non presupoñemos nada, estúdase e analízase. En caso de que sexan certas as denuncias aplicarase a lei como se aplicou ata o momento». Román Rodríguez insistiu en que a Xunta deu «probas sobradas do tratamento normalizado a esta familia como calquera outra familia e a este ben como a calquera outro ben» e lembrou que foi a única administración que xa multou polo incumprimento demostrado das obrigacións como propietarios dun BIC. Con todo, non chegou a cobrarse, porque a sanción estaba dirixida á filla do ditador, Carmen Franco, que morreu «e iso non pódese cargar aos herdeiros legalmente, sería incumprir a lei». Pero se agora se demostra que a casuística cúmprese, poranse en marcha os mecanismos para tramitar a multa. 

Sobre as denuncias de que nas visitas a Meirás faise apología do franquismo, Román Rodríguez aclarou que «se hai apoloxía hai tribunais e a fiscalía ten que actuar. De feito, houbo denuncias impulsadas por diferentes colectivos e a fiscalía é coñecedora» e o organismo competente para investigar. «Nós temos que facer cumprir a lexislación como ben patrimonial e aplicar a norma de apertura ao público de catro días mensuais», insistiu o conselleiro.

«Hai que ter en conta que agora estamos nun proceso xudicial», matizou Rodríguez, que lembrou que a Xunta creou, por mandato do Parlamento, unha comisión de expertos que deu unha opción ao Estado de facer que o pazo sexa propiedade pública. O Goberno central anunciou fai uns meses a apertura do preito á familia Franco. «A Xunta súmase ao mesmo e posiciónase segundo o que pensamos: que é un ben de uso público, aínda que de propiedade privada, e por esa vía pode pasar a ser público».