Ana Pontón: «Para enfrontar o reto da globalización o que necesitamos é máis Galicia»

Mario Beramendi Álvarez
MARIO BERAMENDI SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. ADOITAR

A portavoz nacional do BNG cre que nas próximas autonómicas a súa formación será determinante para un cambio de ciclo

20 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O nacionalismo galego afronta o próximo 25 de xullo co convencemento de que será unha cita histórica, na que se poderá visualizar na rúa a corrente crecente de apoio que ten o BNG, a organización política liderada por Ana Pontón (Sarria, 1977).

-Vostedes aínda están moi lonxe de recuperar todo o apoio social perdido. Non hai un exceso de euforia no Bloque?

-Nós estamos nun momento claro de remontada, á alza. Nas xerais conseguimos duplicar votos, nas europeas fomos terceira forza política en Galicia e nas municipais estamos de novo nas sete cidades, e consolidando a alcaldía de Pontevedra, despois de vinte anos. E iso non é cuestión menor.

-Que explica esa evolución positiva?

-Hai tres anos abrimos un tempo novo, cunha nova xeración á fronte da dirección, e iso tivo unha resposta positiva por parte da cidadanía. Temos unha mirada que parte dos principios do nacionalismo galego, pero que tamén está presentando unha nova forma de entendelo.

-A que se refire?

-Vivimos nun mundo globalizado. E para enfrontar o reto da globalización o que necesitamos é máis Galicia. Reforzar a nosa identidade e o poder político para entender ese desafío. Por iso estamos poñendo sobre a mesa debates que son importantes para o futuro do país.

-Por exemplo?

-A necesidade de facer unha aposta estratéxica pola innovación: de reformar os nosos sectores produtivos. Darlles voz aos problemas. A poboación galega segue a ter unha identidade nacional moi forte.

-Pois iso non se traduce precisamente á hora de votar...

-Os procesos políticos son diferentes. O que quero dicir é que hai potencial para medrar: teño claro que hai unha identidade forte, un sentimento de que somos unha nación histórica, e hai cada vez máis xente que mira ao nacionalismo con simpatía. Xente que entende que a alternativa para darlle solución aos problemas non pasa por máis centralismo, senón por darlle máis poder a Galicia para deseñar políticas propias.

-Que parte do apoio que está a recuperar o BNG vén dos votantes desencantados que fuxiron a En Marea e volven agora ao ver ese proxecto fracasado?

-Eu sempre digo que non creo que ao BNG lle vaia ir ben porque a outros lles vaia mal. Nós incrementaremos apoios na medida en que fagamos ben as cousas. Hai unha convicción neste país: que o Bloque é útil para Galicia, que é unha forza indispensable.

-Vostede pensa que pode haber un cambio nas próximas autonómicas?

-Eu creo que vai habelo. As eleccións galegas teñen unha dinámica diferente, propia; estou convencida de que imos dar un gran paso adiante. O que está mal é o PP: acabamos de velo co que pasou en Ourense, con esa operación vergoñenta, na que Feijoo, por salvar a Deputación, vendeu a súa alma ao demo e acabou pactando cunha persoa que el mesmo dixo que sería letal para Ourense. É un retrato do gran nerviosismo que hai no PP, que vén de experimentar unha grande decepción nas municipais.

-As autonómicas son outra cousa, e o PPdeG ten unha grande implantación en todo o territorio...

-Xa derrotamos a Fraga, e derrotaremos a Feijoo.

-Vostedes fan un debuxo da situación galega que é unha emenda á totalidade das políticas de Feijoo. Como é posible entón que teña tanto apoio electoral?

-A pesar de todo o deterioro que ten, demográfico e económico, somos un territorio cunha enorme potencialidade. Os problemas teñen responsables políticos. Podería acelerarse a recuperación con outra estratexia. Escocia vén de poñer en marcha unha banca pública para os seus proxectos. E iso é algo que nós vimos reclamando para Galicia.

-Eu preguntáballe polo apoio social...

-Trump tamén gañou as eleccións, e non por iso vou avalar a súa política.

«Nós temos a vocación de que o nacionalismo galego sexa hexemónico»

As próximas eleccións autonómicas servirán para medir o grao de recuperación do Bloque. Unha forza nacionalista nun territorio con moita menos conciencia nacional que de Cataluña ou o País Vasco.

-Ten o Bloque un teito electoral nunha comunidade como Galicia?

-Nós temos a vocación de que o nacionalismo galego sexa hexemónico. E ademais temos unha base para poder conseguilo: os galegos sentímonos desta terra. A política, como é dialéctica, permite mudar as realidades. E estou convencida de que imos seguir avanzando e imos superar os teitos que xa alcanzamos.

-Que agardan da mobilización deste 25 de xullo?

-Estou convencida de que vai ser unha cita histórica dende o punto de vista da participación.

-Como vai a campaña de captación de afiliados?

-Non cho podo dicir porque non levo a área de organización, pero nos últimos tempos foron centos as persoas que se achegaron ao BNG, ben como militantes ou ben como simpatizantes. Podemos coller como termómetro o que foron as eleccións municipais, nas que presentamos catro mil candidatos e candidatas, dos que a metade non eran afiliados ao Bloque. Iso quere dicir algo. É un síntoma de que existe unha corrente de simpatía. Hai moita xente nova que se está a incorporar. Temos unha das alcaldesas máis novas de Galicia, a do Rosal, que ten 26 anos. O país dá moito máis de si porque estamos a demostrar que cando goberna o Bloque hai proxectos transformadores, outra forma de entender a política. Hoxe hai aspectos que representa o BNG e que son moi importantes de cara ao futuro: somos unha organización de xente honesta, traballadora, que ten unha vocación de servizo público.