Javito, gañador de «Gran Hermano 3» no 2002: «Falar da Pantoja non vai comigo»

Juan Ventura Lado Alvela
J. v. lado CARBALLO / LA VOZ

GALICIA

ANA GARCIA

Ao hostaleiro nunca lle atraeu a farándula televisiva, á que chegou por unha aposta. Volveu aos seus negocios, casou coa súa noiva, natural de Carballo, e viven tranquilos na Laracha

27 jun 2019 . Actualizado ás 21:30 h.

«Moita xente dime: ‘‘Ti que estiveches en Gran Hermano, por que non fixeches coma Kiko Hernández?’’ Pois porque eu non son Kiko Hernández, que ten unhas capacidades, é moi válido e vende o que a xente quere ver. Somos máis de 200 exconcursantes de Gran Hermano e só se mantén aí el, así que tan doado non debe ser», reflexiona Javier García de Seárez, Javito, o larachés gañador da terceira edición do popular concurso televisivo, ao que a fama nunca lle nubló a vista. «Tíveno moi claro dende un principio. Para facer algo aí tes que vivir en Madrid e é unha vida moi estresante. Non soporto os atascos, e falar da Pantoja, deste ou do outro non vai comigo. Se aínda fose de fútbol...», explica Javito, que si mantén contactos e mesmo amizades daquela época «con Kiko Hernández, Patricia, Jacinto...» e compañeiros que foi coñecendo doutras edicións como Orlando, Saray ou Pilarita. «Saray aínda veu co seu marido e xuntámonos polo San Xoán, e Marta López, por exemplo, regaloulle o vestido de noiva á miña muller», detalla.

Conserva amigos, pero ínfulas da fama, ningunha, e tampouco excesiva paixón polo concurso, do que tampouco era seguidor antes de entrar. «Foi por unha aposta cuns amigos e, ao primeiro, si que che sorprende o bum de case non poder andar pola rúa e de que ir comer unha hamburguesa ou saír cear a calquera lado se volva complicado, pero agora estou moi tranquilo», resume o exconcursante, que en decembro cumprirá 45 anos.

Xa antes da televisión, en 1996, rematou hostalería en Santiago e o concurso colleuno cun local que acababa de abrir na capital compostelá. «Aquel primeiro ano acabei colapsado con todo aquilo e vendinlle a miña parte ao meu socio. Dous anos despois abrín a Tentación e mais a discoteca In&Out en Carballo, e tívenos uns dez anos. A noite está ben se gañas moitos cartos, pero para sacar un soldiño non lla recomendo a ninguén, e menos agora, porque as formas de divertirse cambian moito e a rapazada vai ás verbenas, cando naqueles anos era impensable», analiza Javito, que no ano 2013 casou coa súa noiva, María Esmorís, natural de Carballo (de Bértoa, concretamente), e viven no piso que se compraron na Laracha, de momento sen fillos. «Estamos cómodos así e non o temos claro, é algo que hai que pensalo moi ben», apunta.

Figura como cociñeiro nas listas da Xunta e, a falta de oposicións que non acaban de saír, traballa de xeito habitual cubrindo baixas e vacacións en colexios, xeriátricos, centros de día... Mesmo lle deu tempo para sacarse un máster que lle permita, nun futuro máis ou menos próximo, facerse profesor. «A hostalaría sempre foi o meu e niso sigo», conclúe tan riseiro como sempre.