O Goberno adianta que as probas de funcionamento para a chegada do AVE a Galicia iniciaranse en 2020

GALICIA

Agostiño Iglesias

Javier Losada supervisou a montaxe de vía do último tramo da liña de alta velocidade entre Madrid e Galicia, cuxa finalización está prevista para agosto

14 jul 2019 . Actualizado ás 13:54 h.

A montaxe de vía do último tramo da liña de alta velocidade entre Madrid e Galicia está preto de chegar ao seu fin. Así o expuxo hoxe o delegado do Goberno na Comunidade, Javier Losada, que supervisou o percorrido das obras que se están executando na estación de Taboadela para finalizar o ramal de conexión coa liña convencional. Losada estimou que  «a finais de agosto remataremos estas obras, que nos farán chegar a Ourense», e avanzou que este 2019 estará «marcado pola finalización deste tramo para en 2020 iniciar as probas de funcionamento». «Agora estamos na fase final. O máis complexo xa se realizou e a montaxe de instalacións vai máis rápido», concretou.

O delegado do Goberno prevé que leste mesmo ano se poderá aforrar unha hora de viaxe nos traxectos en tren entre Galicia e Madrid e en 2020 a conexión Ourense-Madrid tardará 195 minutos, polo que valorou os esforzos das partes implicadas no proxecto de chegada da liña de alta velocidade: «Quero felicitar a o Adif polo cumprimento dos prazos, ás empresas que están aquí traballando e aos sectores tecnolóxicos e de enxeñería españois, que está demostrando un nivel único no mundo no que é a alta velocidade».

Losada quixo ilustrar parte das obras levadas a cabo entre a localidade zamorana de Pedralba de la Pradería e Taboadela. E fíxoo con cifras, ao aludir aos 126 quilómetros de túneles que encadean os 31 monotubos e bitubos executados nese tramo. «Sería coma se houbese un túnel de Santiago ata Ourense. É a magnitude desta obra», dixo.

O investimento e a intermodal en Ourense

Neste sentido, Losada mantivo un discurso en clave de números para detallar as cifras do investido ata o momento: «A 31 de maio executáronse 4.118,89 millóns do orzamento total de 4.443 millóns do proxecto da Liña de Alta Velocidade a Galicia, o que supón o 92,7%. Apenas restan por executar 324 millóns de euros». Encomiou ademais o papel do Goberno nestes avances: «Cumprirase o seu compromiso con Galicia. Seguimos marcando un ritmo investidor. Esta obra permíteme dicir que a Galicia lle vai moi ben co Goberno de Pedro Sánchez, que fai realidade o que se pon no papel».

Losada, que tamén visitou a saída do túnel de Seiró (1.870 metros), aludiu tamén ao proxecto das estacións intermodais: «Estamos a traballar niso, en diversas fases. A de Ourense estaremos en condicións de licitala no último trimestre deste ano».

Prudencia nos prazos de posta en servizo entre Zamora e Pedralba

O director xeral de Adif, Juan Pablo Villanueva, preferiu cinguirse ao cumprimento dos prazos establecidos ao ser inquirido pola posta en servizo do tramo entre Zamora e Pedralba de la Pradería, de 110 quilómetros e xa executado, pero aínda pendente das probas que se están levando a cabo na actualidade. «Seguimos facendo probas das estruturas e non nos gusta aventurar unha data, porque non depende só de Adif», resolveu.