As reunións en Moncloa ao detalle, novidades no caso da nena de Cospeito, a detención de Luciano Méndez e máis

Olga Suárez Chamorro
Olga Suárez LA VOZ / REDACCIÓN

GALICIA

Sánchez, recibiendo a Iglesias antes de la reunión en la Moncloa
Sánchez, recibindo a Iglesias antes da reunión na Moncloa benito ordoñez

Comeza o día informado con esta selección de noticias

08 may 2019 . Actualizado ás 09:06 h.

O podcast de Hoxe en La Voz

Escoita esta newsletter. As noticias crave do día en catro minutos.

Hoxe en La Voz

Hai novidades no caso da nena de 7 anos falecida en estrañas circunstancias o pasado venres en Cospeito . Os investigadores acharon o pixama da nai con restos de sangue, o que lles fai pensar que puido ter sido asfixiada tras ter sido intoxicada con medicamentos. A investigación continúa aberta.

En Teo , foi detido por un presunto delito de violencia machista o polémico profesor Luciano Méndez, que se fixo coñecido polas súas manifestacións a favor da Manda.

Falamos de enfermidades con Ben Feringa, que obtivo o Premio Nobel de Química no 2016 e que nos confesa o seu soño: «Lograr unha quimioterapia moi selectiva, exclusiva para o tumor». O mesmo día no que un equipo de investigadores de Santiago desvelou como as células do cancro adquiren a súa identidade.

«Xa non planto millo polo xabaril». Gandeiros e agricultores contan o complicado que é saír adiante cando unha especie salvaxe está descontrolada. Fano nunha reportaxe do recentemente estreado portal Somos Agro, a aposta informativa de La Voz co sector primario.

Hoxe contamos a historia de Cesáreo, o Magnífico, un exemplar de porco celta carballino que foi indultado pola súa docilidade e por ter inaugurado unha estirpe na granxa Fraga do Couto, en Vilalba . E revelamos os segredos dun nome ben coñecido no mundo rural: John Deere, o imperio que naceu dun arado.

O naval privado galego é xa o maior construtor de España, con 31 buques de aceiro asinados de aquí a tres anos, e máis do 50 % da carteira de pedidos nacional. Os estaleiros prepáranse para facer fronte a tal cantidade de encargos e traballarán pola noite para garantir as entregas en prazo. Barreras mobiliza á industria auxiliar para lanzar unha terceira quenda, de 23.00 a 7.00. 

É a cara dun mercado laboral que tamén ten a súa cruz: España é o país dos 70.000 bolseiros: tres de cada cinco non cobran nada polas súas prácticas, pero ao 27 % sérvenlle para conseguir un contrato indefinido.

E rematamos cunha noticia que se repite ano tras ano como preludio do verán: Galicia consolida as súas bandeiras azuis. 107 praias contan coa distinción, catro delas recupérana: Samil, Loira, Abrela e Panadeira. Goza de todas eles con este álbum de fotos.

Eleccións

Pedro Sánchez pechou onte a rolda de encontros cos tres principais líderes da oposición tras o 28A e aparcou a pretensión de Podemos de entrar no Goberno. Tras dúas horas de reunión, Iglesias só arrincou a Sánchez o compromiso de negociar acordos (Pinto & Chinto ilústrano ben aquí). Antes que el pasou pola Moncloa Albert Rivera, que se presentou como o líder da oposición, mantivo a súa «non» á investidura e só ofreceu o seu apoio para aplicar de inmediato o artigo 155 da Constitución en Cataluña. 

El pésimos resultados electorais logrados ~por o PP o pasado 28 de abril tamén teñen consecuencias económicas para o partido que lidera Pablo Casado, que perde tres millóns ao ano en subvencións. Pero lonxe de esconderse, os populares xa anunciaron que Casado percorrerá todas as comunidades autónomas de aquí a finais de mes. 

Metidos na campaña galega, hoxe destacamos a denuncia do PSOE coruñés ante a Junta Electoral do uso partidista dos parquímetros da cidade. Fixámonos nun bar de Ferrol que propón un petisco co candidato para facer debate de taberna.

Sacamos a Lara Méndez do seu despacho no Concello de Lugo para facerlle esta entrevista na rúa. E Francisco Jorquera, candidato do BNG á alcaldía da Coruña, protagoniza a entrevista máis persoal do día.

Pero tamén nos xogamos moito en Europa. Ultranacionalismos e proeuropeos librarán o 26M unha batalla decisiva. A UE recupérase das dentadas dos eurófobos sen receitas para frear o seu avance nas principais capitais, como se pode ver neste gráfico. E situación complicada a do Reino Unido: a falta de acordo sobre o «brexit» obriga a May a convocar as eleccións europeas para o 23 de maio.

Mentres durmías

Estados Unidos retira as súas sancións ao xeneral venezolano Manuel Ricardo Cristopher Figuera, que dirixía o Servizo de Intelixencia e que rompeu co chavismo. O discurso do vicepresidente de EE.UU., Mike Pence, foi o prato forte da Conferencia das Américas que se celebra anualmente no Departamento de Estado, e na que tamén participaron o presidente electo de O Salvador, a vicepresidenta de Colombia, e o chanceler mexicano.

Galicia en 313 concellos

En Camariñas , saltou a alerta por un brote de tuberculose que afectou a doce persoas, desde que se detectase o primeiro caso nun menor, no principio do ano. O Sergas lanzou entón unha campaña que lle levou a facer uns 500 controis. Trátase dunha enfermidade con 20.000 anos de existencia que cha explicamos aquí.

As xoias que saen de entre a area. Durante moitos anos, as mulleres do Grove elaboraban colares de cunchas e vendíanos aos turistas que visitaban A Toxa; aquel negocio de subsistencia deu un xiro: falamos de artesanía galega.

Unha lontra púxose as botas onte na lonxa de Malpica . O animal fíxose cun peixe boga e gozouno a conciencia nas instalacións dos pescadores, como podes comprobar neste vídeo.

Estudantes de Vigo crean unha aplicación para que as mozas non volvan soas a casa. O proxecto foi seleccionado entre 1.200 proxectos de alumnos de toda España.

Opinión

Os encontros que tiveron lugar na Moncloa nos dous últimos días lembran a Fernando Ónega a unha pasarela de moda na que se viron as tendencias que levarán a próxima tempada: «a moderación, do taller do acreditado modisto Pablo Casado, rápido no cambio dun estilo moi persoal e moi prêt-à-porter; a agresividade, do creativo Albert Rivera, cuns vestidos provocadores, sobre todo en Cataluña e unha vontade nítida de quitarlle mercado parlamentario ao seu rival de sempre, que é o PP; e os veos do imaxinativo Pablo Iglesias ». Pódelo ler en «Pasarela Moncloa, viraxe á esquerda».

O máis destacado dos deportes

A maxia de Anfield afunde ao Barça ante o Liverpool. Vergoñenta derrota dos de Valverde na Champions, que sofren un fracaso aínda maior que o da pasada tempada ante a Roma (4-0).

Falsa alarma con Aspas na Madroa. O dianteiro resentiuse do ombro durante o adestramento, pero finalmente puido seguir. Pero o celtismo tivo onte outro protagonista: Augusto Aguiar recolleu o premio á mellor afección. A emoción de pisar o céspede de Balaídos aos 95 anos.

Dani Giménez é a voz habitual nas roldas de prensa do Dépor. E é realista coas posibilidades do club: «O ascenso directo está imposible. Podemos gañar todos os partidos pero é difícil que os rivais fallen tanto». Nos despachos, arrefríase a posibilidade de que Fernando Vidal opte á presidencia do club coruñés.

Hoxe será noticia

Cáritas presenta o Informe de Emprego e Economía Solidaria 2018 e o Dossier Foessa sobre a vulneración do dereito ao traballo, que constata que máis das metade das familias nas que só hai un emprego non teñen cubertas as súas necesidades.