Alfredo García, presidente da Fegamp: «Non todos os concellos poderán ter listos os seus plans antiincendios este ano»

maría santalla REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

LOLITA VAZQUEZ

Xunta e Fegamp agardan conseguir que en 40 das franxas que se limpen instálense novas explotacións

20 abr 2019 . Actualizado ás 10:41 h.

Como presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García (1953) asinou esta semana coa Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga o convenio para a limpeza de franxas ao redor dos núcleos habitados. Un acordo que se estreou o verán pasado pero ao que este ano se incorporaron novas medidas xurdidas da necesidade de «ir máis aló». O tamén alcalde socialista do Barco destaca o consenso acadado entre administracións nesta materia.

-Nese convenio inclúense medidas para pór en marcha os plans antiincendios que se lles esixen aos concellos.

-Si, asinamos esta adenda porque necesitabamos ir máis aló. A Fiscalía esixe que os concellos teñan plans de prevención, que non temos a maioría dos concellos e que custa bastante diñeiro facelos. Démonos conta de que desde o convenio se podía facer practicamente o 90 % do plan de incendios. É certo que haberá cousas particulares de cada concello, pero será moito máis sinxelo a partir dese plan básico.

-A Fiscalía advirte de que non ter plan de incendios pode ter consecuencias penais no caso de que haxa lumes. Están preocupados os concellos?

-Os concellos estamos preocupados, e precisamente porque estamos preocupados imos facilitar a elaboración dos plans. Os concellos ao que estamos acostumados é a que se lexisle, a que se lles dean competencias sen que ninguén se preocupe de se son capaces de asumilas. Estamos preocupados e por iso metemos o dos plans de incendios no convenio para botar unha man aos alcaldes.

-Poderán elaborarse todos eses plans este ano?

-Todos sen dúbida non. Este verán estarán algúns, pero non todos poderán estar listos. Precisamente estamos a empezar polos concellos que teñen parroquias no alto risco de incendio, pero claro, o risco está en calquera parte. Evidentemente, por algo hai que empezar, empezamos e imos cruzar os dedos e agardar que non pase nada.

-Dixo algunha vez que no sur de Pontevedra e na provincia de Ourense hai máis dificultades para limpar o monte, por que?

-O problema é que no sur de Pontevedra e na provincia de Ourense o monte está abandonado, e o que non produce non ten valor, e o que non ten valor o dono ignórao. O territorio galego ten que ser unha cuestión de Estado para Galicia, e polo tanto temos que ser capaces de acordar o que facemos co monte. Eu creo que o verdadeiro nicho de emprego de Galicia é o rural. É doado? Non. Hai que axudar? Si, hai que establecer liñas de axuda potentes, porque á industria dánselle. A agricultura e a gandería teñen que estar ao mesmo nivel, e xéranse empregos con moi pouco investimento. Deberiamos tomarnos en serio a volta ao rural porque o rural ten futuro.

-Por iso o convenio inclúe a posibilidade de que esas terras se traballen.

-Nas conversacións que tivemos expuxemos que isto está ben, limpamos, pero o ano que vén hai que volver limpar. Iso non quere dicir que non limpemos, pero dalgún xeito é unha limpeza non produtiva. Cal é a solución? Moi sinxela: que ese terreo se poña en produción. Vaise habilitar unha liña de subvencións, de axudas para que alí onde os propietarios queiran ceder os terreos, ou gratis ou por un prezo taxado, poida pórse en marcha unha explotación agrícola ou gandeira, de maneira que ese terreo xa non haxa que limpalo máis.

-Produción fronte a abandono.

-Creo que este proxecto é a clave, o que fai falta é que haxa xente que queira traballar no campo. O importante é que o monte produza para que estea limpo e para fixar poboación polo menos na cabeceira dos concellos. O que necesitamos son exemplos que xeren envexa, efecto contaxio.

-Cre que haberá interese?

-Oxalá empecen a aparecer xa emprendedores que queiran dedicarse ao campo. Non vai ser doado, sobre todo no arranque, pero este ano agardamos chegar a corenta. O caso é arrincar, porque a partir de aí creemos que a progresión sería boa.

«Ante o lume, a tranquilidade total non existe, pero limpar 4.500 hectáreas axudará»

Cando o verán pasado asinouse o primeiro convenio entre Xunta e Fegamp, Alfredo García avanzaba que en dous anos os alcaldes poderían durmir máis tranquilos.

-Imos por bo camiño? Os alcaldes poderán durmir máis tranquilos este ano que o pasado?

-Ante o lume, a tranquilidade total non existe, pero sen dúbida a previsión de limpar 4.500 hectáreas este ano en parroquias de alto risco de incendio vainos axudar a estar máis tranquilos. En cousas de tanta envergadura hai que darlle tempo ao tempo, pero creo que imos ben. O convenio asinouse no verán do ano pasado, implica moito traballo administrativo e está moi avanzado. A proba é que a principios de maio imos empezar a rozar.

-En todo caso, é un plan a longo prazo.

-É un plan a catro anos e eu creo que cando acaben estes catro anos o problema non se resolveu e haberá que seguir.

-O prazo para que os propietarios limpen os seus montes finaliza o 31 de maio. Como estará o monte nesa data?

-Cada ano hai máis leiras limpas. A xente vai tomando conciencia, pero é lento porque é un problema de concienciación. Tamén é verdade que hai moita xente que non sabe onde ten as leiras ou se as ten, e isto dificulta máis este traballo. Por iso a necesidade deste apoio entre Seaga, a Xunta e a Fegamp para poder identificar a eses propietarios ou non identificalos, nese caso esas terras pasarían, despois dun proceso administrativo, e a través da expropiación, ao banco de terras. No caso de que se coñeza o propietario, ten dous camiños: limpala ou dicirlle a Seaga que lla limpe ao prezo de 350 euros por hectárea. Todo iso leva tempo. 4.500 hectáreas creo que é unha boa cantidade para este primeiro ano, e a idea son 16.000 nestes catro anos.