A Xunta prohibe as queimas de restos agrícolas e forestais polas altas temperaturas

Redacción / La Voz

GALICIA

PATRICIA GAGO

A medida, que entrará en vigor a as 00.00 horas desta madrugada, supón ademais a suspensión dos permisos que xa se concederon

24 mares 2019 . Actualizado ás 13:19 h.

A Consellería do Medio Rural acaba de anunciar a prohibición, a partir das 00.00 horas do luns, de  levara cabo a queima de restos agrícolas e forestais en Galicia. A medida, que se repite ano tras ano como eventual método de prevención ante a aparición de incendios forestais, é a resposta á presenza de altas temperaturas en toda a comunidade, superiores aos 25 graos en boa parte da xeografía galega e mesmo por amais dos 30 no interior de Ourense. 

A alerta activada pola Administración autonómica suporá un contratempo para aqueles propietarios que xa tiñan programadas actuacións de queima, pois a medida se estende igualmente aos permisos xa concedidos, xa que estas comunicacións e autorizacións carecerán de validez desde o momento da prohibición. Medio Rural explicou que tomou a decisión tras avaliar a evolución da meteoroloxía para os próximos días e unha vez analizados «polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume en tempada de alto risco. Tamén tendo en conta que a normativa (Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais) prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control».

Paralelamente, o departamento autonómico solicitou a colaboración da cidadanía, pedindo, por unha banda, que extremen as precaucións polo risco de incendios e, por outro, que alerten de calquera actividade de carácter incendiaria da que teñan coñecemento. A consellería manterá activado o teléfono gratuíto 085 para que calquera particular poida chamar en caso de detectar algún incidente.