«Antes dos 30 nin pensaba en ser nai. Primaba o laboral»

M. Cedrón / M. Senra REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Miguel Villar

Dúas mulleres que foron nais novas e outras dúas que o fixeron máis tarde relatan a súa experiencia

24 mares 2019 . Actualizado ás 15:19 h.

Bety, Alexandra, María e Begoña son nais. Ese é o cordón umbilical que as une, aínda que cada unha decidiu dar o paso nun momento diferente da súa vida. Esta é a súa historia.

 Bety Tesouro. 36 anos. Tivo ao seu primeiro fillo aos 21. Entre o grupo de compañeiros do seu fillo maior, Anxo, Bety Tesouro é a nai máis nova. Ela e o seu marido Berna, veciños do concello ourensán de Esgos , rompen todas as estatísticas. A primeira, ser pais de dous fillos nunha das provincias co índice de natalidade máis baixo de España. A segunda, non ter agardado ata os 33 anos para arrolar aos seus retoños. Porque foron pais moito antes. Aos 21, ela, e aos 26, el.

«Toda a vida fun moi neneira. Eu o que quería era ser mamá. Non lle dou prioridade a outras cousas. Non agardo ter luxos, coches... non podes esperar a telo todo para ser mamá», conta Bety. As circunstancias tamén lle deron un empuxón. «Coñecín ao meu marido aos 17 anos, cando tiña 20 casamos e un ano despois tivemos o neno», explica. A nena naceu tres anos despois.

Como podía permitirllo economicamente, nos primeiros anos de vida dos seus fillos traballou a media xornada e fai cinco deixou o seu emprego fóra de casa para dedicarse as 24 horas a aquilo que quería ser desde pequena, mamá. «Creo que nesta etapa da adolescencia é cando máis precisan dos pais», comenta.

Ela puido deixar de traballar porque, como di, «o meu home ten un bo traballo, pero de non ter esa axuda tampouco podería telo feito». Por iso, cre que as medidas de conciliación entre a vida laboral e familiar deberían de mellorar: «O modelo de traballo que rexe na actualidade está moi mal. As persoas que teñen fillos deberían de ter outros dereitos. Unha redución de xornada, como a que teñen moitas empresas, vai da man dunha redución de salario que moitos non poden permitirse. Debería de poder levarse máis traballo para a casa para non deixar de coidar aos fillos», comenta.

María Sabas. 39 anos. Tivo ao seu primeiro fillo aos 36 anos. «Pertenzo a unha xeración na que moita xente estudou na universidade. Entre que acabas a carreira, logras o desenvolvemento profesional, unha estabilidade... os anos van pasando». María Sabas é funcionaria. Tras lograr a praza, aínda que tiña un emprego estable, a súa parella traballaba fóra. Non cría que fose un bo momento. Quería agardar a ter maior estabilidade económica e familiar. Foi aos 34 anos cando acabou por decidirse a ser nai. «Antes dos trinta nin se me pasaba pola cabeza ser nai. Primaba a parte laboral. Porque aínda hai moito temor a que nunha empresa crean que es menos produtiva por ter fillos», comenta.

O feito de ter agardado ata os 34 fixo que non fóra tan doado quedar embarazada. Logrouno aos 36. «Non tiven problema, pero é verdade que canta máis idade tes máis dificultade hai para poder ser nai». 

Begoña Rilo. 45 anos. Tivo o seu primeiro fillo aos 42 anos. Amiga de María, non tivo ao seu fillo ata os 42 «polas circunstancias». Di que chegou un momento no que «era ou non era» porque antes «a vida che vai levando». Lembra como aos 21-22 anos, cando a maior parte das mulleres de xeracións anteriores eran nais, ela estaba na carreira, saía... «É normal que agora se atrase a idade de ser nai por primeira vez», di.

 Alexandra Tapia. 24 anos. Tivo ao seu fillo aos 22. Aínda que foi nai nova, asegura que sabía desde o principio que tería ao seu fillo. quedou embarazada con 21 anos, e Mateo naceu cando ela cumprira 22. Tiña un medo enorme ao descoñecido, sobre todo pola gran responsabilidade, pero esta pontevedresa sentiuse arroupada coa súa maternidade desde o principio, aínda que asegura que «o máis difícil foi contarllo á miña familia e amigos».

Alexandra estudaba un ciclo de barbería que tivo que deixar debido ao malestar que lle provocaba o embarazo, pero aos catro meses do parto comezou a traballar para manterse ela e o seu fillo Mateo. Coa axuda da súa familia esta moza puido levar dun xeito idóneo ser nai tan nova e seguir gozando cada día: «A miña familia axúdame en todo, e así podo saír de festa ou a cear sempre que me apetece».

Alexandra di que volvería ter a Mateo mil veces máis, pero que talvez cunhas circunstancias mellores, xa que a inestabilidade económica, entre outros factores, fixo que teña que traballar duro para poder gozar do seu fillo. O que destaca é que «tiven moita sorte con el, sempre me deixou durmir e é moi, moi bo». Alexandra afirma orgullosa que ser nai é o máis bonito que lle pasou nunca.