«As nosas liñas vermellas seguen aí»

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO

GALICIA

Paco Rodríguez

A falta de definición das medidas do borrador decepciona aos médicos

21 feb 2019 . Actualizado ás 14:23 h.

Un orzamento que non se concreta e unha nova dirección de atención primaria «que é un simple cambio nominal». Os médicos non aplauden o borrador presentado polo Sergas tras analizar con máis detalle o documento. Presentarán alegacións e prevén reunirse mañá venres para facer unha valoración conxunta de colexios e sociedades científicas, pero «as liñas vermellas seguen aí», explica a nova presidenta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), Susana Aldecoa. 

Si, hai unha dirección de atención primaria, pero na práctica é a actual dirección de procesos sen ingresos con outro nome, e sen a competencias das consultas externas, «aquí en Vigo xa está e non notamos ningunha melloría», apunta Aldecoa, «non imos ter máis peso como atención primaria respecto ao hospital», insiste.

Os facultativos valoran moitas das medidas recollidas, que eles mesmos propuxeran, pero ao non haber unha concreción do orzamento móstranse cautos e desconfiados, «non está recollido un aumento para levar a cabo os cambios».

Tampouco os enfermeiros están contentos co organigrama. Pedían unha subdirección de enfermería, e non aparece por ningún lado. E coinciden cos médicos en que o borrador presenta unha falta de concreción no orzamento. Amador Villaverde, presidente do Colexio de Enfermería da Coruña, sinala que o borrador é indefinido tanto en como define o organigrama da primaria, como nos recursos asignados. «A enfermería está a lume de biqueira, polo que se ten máis competencias haberá que contratar a máis persoal».

Aínda que os catro colexios se reunirán para facer unha valoración conxunta, Villaverde si ve aspectos moi importantes no texto, como as novas competencias deste colectivo «que poida elaborar informes de dependencia e de material ortoprotésico está ben, aínda que debe regularse», indica. Tamén que se definan as funcións de cada profesional, que se elaboren protocolos comúns ou se fomente o traballo en equipo. 

Primeiras interinidades de enfermería pediátrica

Unha das demandas da primaria é que haxa enfermeiros especialistas, é dicir, que fixeron o exame eir e a formación en enfermería familiar ou pediátrica. Precisamente o Sergas acaba de publicar a primeira lista de contratación de enfermeiras pediátricas, á que recorrerá cando haxa que cubrir postos en áreas como UCI pediátrica, neonatos, ou en centros de saúde. E xa se formalizaron as primeiras interinidades destes especialistas, a primeira para os centros de saúde de Vedra e Boqueixón, e as seguintes na área de Vigo.