A sanidade pública galega programou no 2018 unha media de 150.000 atencións diarias

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A sanidade pública galega programou cada día do ano pasado unhas 105.000 consultas en atención primaria, 21.000 en hospitais, 13.900 probas diagnosticas, 7.000 urxencias, 830 intervencións cirúrxicas e atendeu 5.2000 estancias hospitalarias. En total, máis de 150.000 actos diarios para mellorar a saúde da poboación. En total contabilizáronse 31,9 millóns de consultas, 3,5 de probas diagnósticas, case 2,6 de urxencias e 225.000 intervencións cirúrxicas, resaltou o xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, ao presentar o balance de actividade anual. En contraste, a 31 de decembro, o Sergas tiña pendentes de atender 173.332 primeiras consultas, 82.129 probas diagnósticas e 35.372 intervencións cirúrxicas, segundo a lista de espera oficial que facilita.

Da actividade realizada, 26,6 millóns de consultas atendéronse nos centros de atención primaria. A maioría, 15,7 millóns (un 59 %) foron de médicos de familia (14 millóns) e pediatras (1,7 millóns); o resto, de especialistas de enfermería, traballo social e saúde bucodental. Algo máis de 2,8 millóns desas consultas atendéronse telefonicamente, das que o 99,8 % resolvéronse sen precisar ir a unha consulta presencial posterior.

Os hospitais atenderon 5.302.490 consultas, das que 5.160.701 foron presenciais e 141.789 e-consultas.

O 67 % das probas diagnósticas repartíronse entre radioloxía convencional (1,5 millóns), ecografías (427.685) e resonancias magnéticas (98.274).

Actividade cirúrxica

Os hospitais públicos sumaron 209.718 operacións e intervencións en salas de hemodinámica e de electrofisiología: 110.359, foron ambulatorias e 99.359 con ingreso. O 84 % (175.483) programáronse e o 16 % (34.235) foron urxentes. Fernández Campa resaltou as 15.068 intervencións de cirurxía menor ambulatoria en centros de primaria. Acadouse unha marca de 354 transplantes de órganos, case un diario.

Do total de urxencias, 1.021.849 atendéronse en hospitais e 1.545.616 nos PAC, que asisten as urxencias de atención primaria. Iso supón que, de cada 10 urxencias, 6 foron a primaria, onde resolveron máis do 90 % dos casos, que non precisaron ir ao hospital. Da atención hospitalaria, o 16,5 % requiriron quedaron ingresados nunha cama; o resto foi dado de alta en urxencias. Os PAC atenderon 3.000 urxencias máis que no 2017, e os hospitais case 8.000 menos.

Fernández Campa destacou as 1.111.377 chamadas telefónicas atendidas polo 061, das que 436.928 referíanse a procesos asistenciais.

Respecto da hospitalización, houbo 243.515 ingresos, 2.609 máis que no 2017. Supuxeron 1,9 millóns de estancias, cunha media de 7,76 días por cada paciente ingresado. As unidades de hospitalización a domicilio efectuaron 57.227 visitas e os hospitais de día efectuaron 364.600 sesións.