Cesa o xerente do Xacobeo tras unha reorganización con miras ao ano santo 2021

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

A marcha de Rafael Sánchez Bargiela, que formaba parte do equipo de traballo da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reforza á comisaria Cecilia Pereira

16 feb 2019 . Actualizado ás 10:22 h.

A reorganización do organigrama da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, que comezou co nomeamento de Cecilia Pereira como comisaria do evento e seguiu coa creación da Consellería de Cultura e Turismo, dá agora un novo paso coa vista posta no próximo ano santo 2021 co cesamento do que foi director-xerente do organismo, o historiador Rafael Sánchez Bargiela, que ostentaba ese cargo desde o ano 2014. A reestruturación administrativa da estrutura do Plan Xacobeo supón, segundo un comunicado difundido pola Xunta, «a reorientación da figura do director-xerente», a quen o Goberno autonómico agradece «o labor realizado ao longo deste período no fortalecemento do fenómeno da peregrinación e da cultura xacobea».

A marcha de Sánchez, que formaba parte do equipo de traballo da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reforza á comisaria Cecilia Pereira como responsable da xestión do próximo Xacobeo, que chega precedido de marcas históricas no Camiño de Santiago.