«Facer unha 'paparota' ou xogar ao fútbol non é a única forma de celebrar a cultura galega»

Gladys Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Imagen de archivo de una fiesta en el centro
Imaxe de arquivo dunha festa no centro Centro Galego de Londres

Os máis novos denuncian que o Centro Galego de Londres non acolle as súas iniciativas

27 feb 2020 . Actualizado ás 20:10 h.

Hai décadas era o xesto natural. Un emigrante galego recentemente chegado a unha gran capital, tiña unha cita na súa axenda: acudir ao centro galego de quenda. Unha tendencia que en diferentes puntos da diáspora hase modificado. Entre os motivos, a facilidade para comunicarse pola Rede. Pero tamén, o feito de que a emigración máis nova ou os fillos de galegos xa non se senten identificados con eses colectivos. «Mesmo agora é o natural. Achégaste ao centro, pero se roldas os 30 anos ya percibes que alí non hai nada para ti. Entras no pasado. Glorifican o de antes. Xa non hai xente nova». Quen o di é unha galega afincada en Londres . Esa foi a súa sensación ao achegarse ao centro galego na capital británica. A súa opinión é compartida por moitos usuarios que intentaron integrarse en este colectivo e aseguran sentirse rexeitados. Non tanto por eles mesmos, senón polas súas iniciativas.

«Achégaste ao centro, pero se roldas vos 30 anos xa percibes que alí non hai nada para ti»

É o que lle pasou a Troula , un grupo de familias galegofalantes en Londres que no ano 2015 puxo en común unha necesidade: darlle aos seus nenos a posibilidade de xogar, aprender e socializar en galego.«Puxémonos en contacto co centro galego para pedir axuda loxística e financeira para as actividades para nenos e familias e fomos totalmente ignorados», din. E é que a agrupación non ten, nin pode permitirse, un local polo que pensaron que formar parte do centro sería perfecto. «Non houbo un rexeitamento activo, pero si unha falta absoluta de interese en integrarnos ao centro ou apoiar as nosas actividades culturais. O presidente mostrou un unha actitude pasivo agresiva ao non contestar as numerosas chamadas, mensaxes e correos electrónicos, malia a queixarse, paradóxicamente, de que as novas xeracións non teñen interese no centro», explican.

Nicolás Miño Suárez é o presidente do colectivo desde hai 25 anos, a metade da historia do Centro Galego de Londres. Confirma que desde Troula puxéronse en contacto con el, pero que o seu intencións non lle convenceron. «Primeiro tes que facerche socio, non querer meterche xa na directiva. Os que veñan, terán que adaptarse á dinámica do centro. Nunca nos opomos a nada. Eran moitas familias con moitos nenos pequenos, pero querían que lles deixásemos o sitio para facer o que querían», di molesto, aínda que recoñecendo á vez que non hai substitución xeracional.

«Non cumpre ningunha función relevante de proxección e divulgación da cultura galega e tampouco fai un esforzo por acoller ás novas xeracións de emigrantes»

Troula nega que esa fose a súa intención. Eles accedían a facerse socios coa condición de manter á súa profesora e decidir onde serían as clases. Nunca recibiron unha resposta da directiva á súa proposta. Tamén poñen en cuestión a actividade actual da entidade. «O Centro Galego de Londres é esencialmente un bar e un restaurante. Non cumpre ningunha función relevante de proxección e divulgación da cultura galega e tampouco fai un esforzo por acoller ás novas xeracións de emigrantes, que están a facer unha labor de activismo cultural sen recibir apoio público algún», explican.

O Centro Galego de Londres recibiu 8.800 euros no 2017 para, como explicita a administración galega no Diario Oficial de Galicia, «axudas para proxectos culturais, sociais, de accións formativas e proxectos promovidos pola xuventude». No 2016 foron 8.750 euros.

Nicolás Miño mantén que si se cumpre con esta misión: «Temos un grupo de gaitas. Tamén un grupo de baile. Moi reducido, iso si, porque os rapaces xa non se animan. Temos un equipo de fútbol -o Deportivo Galicia-, ciclismo e golf. Mesmo xogamos ao billar. A xente di que isto non é cultura, pero eu creo que si: o fútbol, por exemplo, está a facilitarlle a moita xente un foro de encontro moi importante», asegura o presidente.

«Temos un grupo de gaitas. Tamén un grupo de baile. Moi reducido, iso si, porque os rapaces xa non se animan»

Algo co que Troula non está de acordo. «Organizar unha paparota o Día de Galicia, xogar ao fútbol e facer queimadas nun restaurante, que é un negocio privado, non poden ser as únicas maneiras de celebrar a identidade e a cultura galegas. Debemos esixir que os cartos públicos sexan empregados con eficacia e transparencia en actividades e servizos de interese para todas as xeracións e a altura do século XXI», comenta este grupo de pais.

Non son os únicos que o pensan. «Non se fai iniciativa cultural algunha», di un fillo de galegos nado en Londres que pasou no centro a súa infancia. Non quere identificarse pola relación que mantén aínda coa entidade. «Antes era outra cousa. A xente nova que se achega ao centro xa non está a gusto. É un bar que está alugado a dúas persoas que pagan a renda e alí entra calquera». E é que o feito de que o bar sexa o protagonista das instalacións, non senta precisamente ben a aqueles que apostan pola promoción da galeguidade. 

O coruñés Iago Muiños foi por última vez ao centro no 2016 e xa nese momento percibiu que a programación cultural é máis ben deportiva. «É esa a cultura galega que queremos subvencionar? Na miña opinión, non. Para que me vou facer socio se funciona como un bar e ao bar podo ir simplemente coma cliente? Que sentido ten ser socio dun bar? Non hai nada cultural nin para nenos?», conclúe.

«Para que me vou facer socio se funciona como un bar e ao bar podo ir simplemente coma cliente?»

Un centro no que o bar lle gaña a partida ao espazo dos socios

David Carril coñece a dinámica do centro. Natural de Camariñas, actuou, impartido clases de pandereita e baile nas instalacións, pero co permiso dos responsables do bar. «Conto coa súa axuda. Páganme polas actuacións e ás veces préstanme o local para dar clase. Teño boa relación cos xerentes do local e tamén coa directiva. Se o centro recibe cartos, ten que abrirlle as portas ás asociacións», comenta.

Nicolás Miño cre que o alugueiro do bar é necesario. «Ter un edificio aquí é carísimo. A fin de semana hai mozas no bar. Ademais, temos un espazo para club social». Confirma tamén que nese espazo hai unha biblioteca. Iso si, sen uso. «Puxéronse os libros, pero ninguén veu ler». Outros galegos aseguran que ninguén a xestiona e que os libros só collen po.

En dous anos, o 2016 e o 2017, este centro recibiu uns 10.000 euros para gastos de funcionamento. Iago Muiños pregúntase no seu blogue como un centro cun espazo pequeno para os socios necesita ese diñeiro para gastos. O presidente nega que con esa cantidade se paguen as facturas do bar.

A Xunta destinou no 2018 algo máis dun millón de euros en subvencións aos centros no exterior. Axudas que deben xustificar previamente. No caso da capital británica, un grupo de Facebook chamado Galegos Morriñentos en Londres funciona como referencia para a emigración. É a única rede social no mundo con Rexistro de Galeguidade. Son máis de 2.800 usuarios, aínda que non todos residen en Inglaterra. Outros, como Rega-UK ou Caramiña son tamén punto de encontro cultural.