«Nunca se me ocorrería cobrar un cheque en branco como o que me atopei na rúa»

Margarita Mosteiro Miguel
MARGA MOSTEIRO SANTIAGO

GALICIA

SANDRA ALONSO

Marcos Montero, controlador da ORA, devolveu un documento bancario de gran valor

13 feb 2019 . Actualizado ás 23:29 h.

Marcos Montero é un veciño de Santiago que non sería capaz de calcular o número de pasos que percorre cada día para cumprir co seu traballo. É controlador da ORA e, aínda que o seu traballo non esperta moitas paixóns entre os condutores da cidade, Marcos resta importancia aos enfados dalgúns.

En calquera caso, se non lle esperta simpatía, seguro que cando coñeza a súa historia, verao con outros ollos. Hai só uns días, Marcos subía pola Algalia cando se sorprendeu cun papel de cor violeta que había no chan. Pareceulle «un pouco raro», e agachouse para despexar a súa curiosidade. Tratábase dun cheque bancario que estaba asinado, selado e listo para cobrar. «Só faltaba pór a data e a cantidade, e poderíase ter cobrado, pero nunca se me ocurriía cobrrar un cheque en branco como elque achei», explicou. Así que non o pensou nin un segundo, e chamou ao banco Sabadell. «A persoa coa que falei púxose nerviosa, e díxome que sabían da perda do pagarei», e asegurou que iría buscar o «papel violeta correndo».

Marcos pensou que era un simple cheque bancario pero resultó ser «o pagarei dunha empresa da rúa Hedras de Milladoiro, que perdeu unha persoa de Vigo», explica. «Díxome o do Banco que, se fóra dun particular, tería saltado cunha cantidade de diñeiro anormal; pero dunha empresa podería ter pasado inadvertido. Non se me pasou pola cabeza quedar co diñeiro doutra persoa». O controlador da ORA, que habitualmente se encarga da zona azul do centro histórico e o seu perímetro, engade: «Non teño máis sorte que outras persoas, pero ao estar tantas horas percorrendo a cidade, é habitual atopar máis cousas. Un cheque en branco e listo para cobrar é a primeira vez, pero diñeiro e outras cousas moitas veces».

Marcos asegura que tanto el como os seus compañeiros se atopan moitas cousas na rúa, e sobre todo, xunto aos coches. «A xente deixa o bolso xunto ao coche, cartafoles esquecidos, carteiras. De todo. Ás veces, a xente deixa cousas amais do coche, e cando marcha se esquece, e caen ao chan». Non sempre é doado atopar aos donos dos obxectos que se atopan.

Outros extravíos

Unha das anécdotas máis rechamantes ocorreu fai uns anos, cando aínda circulaban as pesetas. Unha tarde atopouse unha carteira coa documentación dunha moza de Baio e 60.000 pesetas. Entre a documentación estaba o carné de estudante do IES Xelmírez I, no campus. «Fun ao instituto e localizaron á moza, que ía ás clases de nocturno», explicou. «Supoño que sería para pagar o alugueiro ou para a comida, era moito diñeiro entón, e se perdeuno, non quero imaxinar o mal que o tería pasado ese mes. Cando a chamaron da dirección do centro, nin se decatou de que o perdeu». Outra das anécdotas que lembra é a dunha carteira co DNI dunha moza. «A primeira intención era deixar a carteira en obxectos perdidos, pero logo mirei a dirección no DNI, e como me ía ben de camiño a casa, pensei que llo levaba en man. Cando a nai abriu a porta, díxome que a súa filla estaba a chorar desconsolada no cuarto, porque se examinaba o luns de selectividade, e sen o DNI non podería ir».

Cando se lle pregunta a Marcos se algunha vez pensou en quedar co diñeiro que se atopa, non dúbida: «Nunca. Se eu o perdese, gustaríame que me buscasen para darmo».