Miles de persoas marchan en defensa da sanidade galega

GALICIA

Paco Rodríguez

Santiago acolle unha multitudinaria manifestación en contra da deterioración asistencial e a falta de recursos

11 feb 2019 . Actualizado ás 14:14 h.

Máis de dez mil persoas percorreron as rúas de Santiago nunha masiva manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública. Baixo o lema Sanidade pública en perigo, usuarios e traballadores de numerosas localidades galegas reclamaron máis recursos e persoal, así como o fin da precariedade e dos recortes. Encabezaron a marcha todos os líderes da oposición e as críticas tiveron unha diana clara, Núñez Feijoo e a súa participación na mobilización de Madrid. «Mentres Núñez Feijoo se manifesta polo odio, en Santiago unha marea humana se manifesta en defensa da saúde e da vida», sinalou antes do inicio da protesta Luís Villares , de En Marea.

Todos os grupos da oposición pediron o cesamento dos responsables sanitarios, entre eles o socialista Gonzalo Caballero, quen lamentou que Feijoo se puxo a disposición de Pablo Casado para acudir á marcha convocada na praza de Colón en lugar de gobernar Galicia.

Paco Rodríguez

A portavoz do BNG, Ana Pontón, defendeu a súa presenza na mobilización de Santiago en defensa da sanidade pública e contra unha política de recortes e precariedade que deixou á atención primaria sen 188 millóns nos últimos anos, «non se pode concebir a sanidade como un negocio», advertiu.

Paco Rodríguez

Manuel Martín, portavoz da plataforma convocante, lembrou todos os conflitos que vive o sector en Galicia, desde a folga dos PAC e o servizo de urxencias do CHUS, ata a dimisión dos xefes de servizo dos centros de saúde de Vigo, «é inadmisible que unha das sanidades mellores do mundo sexa desmantelada para dar unha oportunidade ao sector privado», concluíu.

Á protesta asistiron colectivos de numerosas partes de Galicia, como A Mariña, O Barco, Moaña, Monforte ou Mondariz. Entre eles Jorge e Isabel, de Moaña, «é un desastre, estivemos case un ano para que substituíran a un médico que se xubilou», aseguran. Tamén os médicos precarios, en contra do novo contrato co que o Sergas quere darlles estabilidade, ou os traballadores das ambulancias, en folga. E como non, os usuarios, como Almudena, compostelá, quen decidiu secundar esta protesta, «porque creo que hai que loitar para que a sanidade pública teña os maiores recursos posibles».

A protesta finalizou na praza da Quintana coa lectura dun manifesto por parte da actriz Isabel Risco, quen leu e improvisou a partes iguais. Entre as reivindicacións demandadas, un aumento do orzamento da primaria, negociar directamente tanto co persoal dos PAC como co servizo de urxencias do Clínico, crear unha xerencia propia na atención primaria, dar autonomía aos centros de saúde ou permitir aos facultativos un tempo de consulta suficiente para atender aos seus pacientes.