Como aprender a colocar os pronomes da man de Rocío Jurado

m. s. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

CESAR QUIAN

O curso que ofrece La Voz abre hoxe unha nova unidade na que a gastronomía e a música se mesturan para permitir que o galego entre por todos os sentidos

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Só uns cantos xubilados en Galicia colocan ben os pronomes de xeito natural. Ou cando menos iso é o que din María Lado e Lucía Aldao, AldaoLado, no monólogo que se pode ver na nova unidade do curso de galego que hoxe abre na páxina web de La Voz de Galicia. Sexa certo ou esaxeración o que din, unha axuda en caso de dúbida nunca vén mal, e para atopar esa axuda o dúo AldaoLado recorreu a Rocío Jurado, quen, por estraño que pareza, pode converterse nunha boa ferramenta para aprender o correcto uso dos pronomes en galego. A través dun dos seus grandes éxitos, e a golpe de guitarra, María e Lucía van cantando -«como eu te amo»- e colocando correctamente os pronomes -«ninguén te amará. Convéncete»-. Así, da man da música, evitaremos dicir frases coma as que abren o monólogo que forma parte da unidade catro: «Te pásoche o boli» ou «Moito che me quéreme».

O uso dos pronomes é unha das propostas do novo tema. Pero hai moito máis. Se a música de Rocío Jurado estimulaba os ouvidos, a gastronomía galega, que centra a temática da unidade, servirá para tentar o sentido do gusto. Galicia produce aceite de oliva de altísima calidade, unha actividade pouco coñecida e en expansión á que podemos achegarnos grazas a este curso, que levará tamén aos visitantes a coñecer as prazas e os mercados de Galicia, coa súa oferta de exquisitos e sans produtos do mar e da terra.

E tamén permitirá coñecer ao panadeiro Dani Pampín, quen gañou este ano o concurso nacional de panadeiros, pero que non viaxou a Cazorla para recoller o premio. Non porque non lle fixese ilusión, senón porque tiña algo mellor que facer ese día: casar coa súa parella, Nati, que leva con el o forno familiar A Santiña, en Pontevedra, unha das mellores panadarías de España, segundo ratificaron os entendidos, e que poderá coñecer quen se mergulle no curso de galego de La Voz.

Iso e moito máis, porque quen aínda non se achegara a esta proposta pode percorrer non só a nova unidade, senón as tres anteriores: a primeira, sobre ciencia en Galicia, na que Jorge Mira explicaba o vantaxoso que é o coñecemento de idiomas para o cerebro; a segunda, sobre o deporte, da man, entre outros, de Ana Peleteiro, e que permite saber máis de actividades como o fútbol gaélico; e maila terceira, sobre literatura, na compaña de Pedro Feijoo ou María Solar. Só a un clic.

fácil e gratuíta

Acceder ao curso de galego que ofrece La Voz en colaboración con Política Lingüística é tan fácil como entrar na páxina web e proporcionar un correo electrónico. Este simple xesto dá acceso a esta proposta de dez unidades temáticas que achegan os coñecementos necesarios para poder superar un exame de Celga 3. Cada xoves ábrese un novo tema no que, dun xeito ameno, se poden coñecer moitas cousas de Galicia ao tempo que se mellora no manexo do idioma.